
A (RE)EMERXENCIA DA LINGUA GALEGA (V): Distancia e elaboración lingüística
O desenvolvemento da sociolingüística a finais da década de 1960 e a súa aplicación á análise das linguas e variedades minorizadas románicas nos anos 70 e 80, xunto con estudos de tipoloxía e descrición desas linguas, explica que a romanística hoxe non ignore situacións como a da emerxente lingua corsa ou a da reemerxente lingua galega.
A CODIFICACIÓN DO GALEGO LITERARIO (V): A codificación léxica
En 1989 o ILG e a RAG editaron provisoriamente o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa 1989) que a nivel léxico era un complemento das Normas de 1982. Coordinado por Manuel González e Antón Santamarina, cando aínda non eran miembros da Academia, realizouse integramente no ILG nos anos 80. Para a redacción do VOLGa fíxose un seguimiento histórico, moitas veces panrománico, de gran parte das 45.000 entradas de que consta, e houbo que seleccionar entre as variedades dialectais de moitas entradas; por outra parte, modernizouse o léxico coa incorporación de voces técnicas e de diferentes parcelas da cultura e elimináronse préstamos innecesarios do castelán, para o que o portugués foi unha ferramenta fundamental.
A (RE)EMERXENCIA DA LINGUA GALEGA (IV): O galego e a súa consideración polo galeguismo histórico
Á parte de acudir a esa tradición romanística onde o galego só ten existencia nominal e na que se ignora a súa caracterización lingüística, os argumentos para xustificar a súa satelización na órbita do portugués son, entre outras, razóns de política lingüística, como é considerar que unha lingua minoritaria (e minorizada), con menos de tres millóns de falantes, non se poderá defender da presión do castelán se non se fortalece baixo o teito da outra lingua afín normalizada, cultural e demograficamente moito máis potente.
MANIFESTO POLA LEMBRANZA DO 50 ANIVERSARIO DA COROACIÓN POÉTICA DE CABANILLAS NO ESPOLÓN DE PADRÓN
As Redes Escarlata, xuntamente cun grupo de poetas da Terra de Iria e de Cambados, non quere deixar pasar por alto un acto tan relevante na historia da resistencia antifranquista, na historia das primeiras luces contra a noite do fascismo. En 1958 aínda era preciso pedir autorización para falar en público e, especialmente, para facelo en galego. Mais un grupo de resistentes republicanos e galeguistas de Padrón, desafiando o estado das cousas, lograron a través da poesía, da palabra, da cultura, erguer un subliminal pero moi potente fito para a resistencia que ficou para sempre, non só na memoria local de Padrón e da Terra de Iria, tamén na historia política de Galicia.
Na Páscoa de 1957 (festa maior na vila), co carto da emigración padronesa no Uruguai e na Arxentina, inaugurárase o monumento a Rosalía de Castro, en pedra da escola de Asorey. O acto convocara, arredor deste xesto cara a poeta nacional galega, unha multitude famenta. Tralo éxito, o núcleo resistente de Padrón, liderado en boa medida por Camilo Agrasar, Borobó e Octavio San Martín, quixo repetir. Organízanse entón concursos literarios, chámase a Alonso Montero para o pregón e preténdese a coroación poética de Ramón Cabanillas, a vedraia figura insigne, no mesmo escenario, de novo ó pé da estatua de Rosalía. Nos concursos achamos gañadores como Rey Romero, Máximo Sar ou González Alegre. Unha coroación, xa en 1958, resultaba anacrónica. E a figura velliña e ensumida de Cabanillas, que aínda así por patriotismo acudiu ó acto, non convidaba a ningún tipo de esplendor. Pero no Espolón de Padrón a multitude famenta, aínda máis numerosa có ano anterior, volveu persoarse ansiosa. E as autoridades e diferentes convidados, tamén: o Gobernador Civil, alcaldes de Padrón e Compostela, o Abade de Samos (desta volta non asiste Quiroga Palacios).
Introduce o acto Pedret Casado. Fala, en castelán, da obra de Cabanillas. A xente vaise xuntando. Colle agora a palabra Aquilino Iglesia Alvariño para recitar un longo poema dedicado ó “poeta da Raza”. Alta, limpa coma o trigo limpo, elegante, a voz de Aquilino edifica un discurso excepcional sobre o oficio do poeta na sociedade que remata con estes versos:
“Pero aquí está o Poeta das aradas leves do soño,
noso irmán o Poeta das boas novas.
Na ribeira onde se fan os barcos ledos dos soños que non morren,
o seu canto arbora claras bandeiras no mencer”.
A xente apíñase aínda máis en torno ó estrado. Periga o cordón de seguridade cos meniños alí dediante algo abafados. E agora vai falar Otero Pedrayo, na vez de Montero Díaz, que era quen figuraba no programa aprobado polo Goberno Civil. O Sar caudal das chuvieiras longas de inverno non ten a forza desta gorxa. As voltas do río de Padrón, pola veiga de Iria abaixo, son escaso repertorio á beira deste discurso improvisado de media hora. O mar de Corrubedo non brúa nas noites de trebón como agora nesta tarde de primavera brúa no Espolón a voz de Otero. A xente, pampa, despois do asombro e diante da entrega, interrompe o orador con entusiastas aplausos. O seu galego é o de todos e é intensamente literario. Arredor de Rosalía, da Páscoa e de Cabanillas, Otero fala de Galicia, a palabra máis repetida de todas, e ás veces ben afouto:
“Por eso Rosalía é a nosa poeta, por eso Rosalía é aquela que vive dentro do corazón de cada xente e entre o corazón de todos. Nesta Galicia que é áspera, que é dura, que non é a Galicia das tarjetas postales para pasar o verao despois dunha boa digestión, e ver salir as barcas pescantinas con que veñen os turistas. É a Galicia dos pastores, a Galicia dos labregos, a Galicia das lareiras, a Galicia dos poetas, a Galicia dos que sufren, a Galicia dos que esperan”.
Si, esta palabra ponnos de novo no camiño da esperanza. E velasaquí están, unha a unha, elo a elo, as xeracións da Galicia Ceibe: Rosalía de Castro, pedra ergueita e luminosa presidindo todo, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, os mozos (estes das Festas Minervais: Ferrín, Franco Grande…) ós que acaba de aludir Otero…
As Redes Escarlata queremos facer memoranza deste acto, renderlle homenaxe ós seus protagonistas e ós seus artífices. Por iso o día 12 de abril, ás 8 da tarde, estaremos no Espolón de Padrón, de novo ó pé de Rosalía, e a nosa voz saudará novamente a Cabanillas e volverá decer que Galicia non é unha tarxeta postal e, cando escoitémo-lo final do discurso de Otero, berraremos con el “¡Terra a nosa!”.
Galicia, 8 de abril de 2008
Actualizado: 13/04/2008 11:53
AS REDES ESCARLATA EN APOIO AOS TRES MILITANTES DA ORGANIZACIÓN BRIGA DETIDOS EN PONTEVEDRA
REDES ESCARLATA, ante as evidencias e á luz de verosímiles datos sobre a represión que couta e amouca as máis conscientes voces do noso Pobo, quere facer público o seu apoio e solidariedade con Anjo Torres, Antía Marinho e Alexandre Rios. Os tres, militantes da organización BRIGA, serán xulgados o próximo día 4 de febreiro so acusación de inxurias e maltrato ás Forzas Armadas (españolas).
REDES ESCARLATA, alén de recoñecer as devanditas forzas armadas como represoras, non só no eido práctico senón tamén no teórico, por aproveitar a situación subsidiada da mocidade galega para alimentar os seus canóns con carne desesperada, interpreta estas detencións como práctica incardinada na máis sanguinaria tradición militar española, realizada ao abeiro da longa e larga sombra da Lei Orgánica 6/2002, de Partidos Políticos -versión remozada da Lei Antiterrorista-, e enténdea como unha amósega máis desa democracia imaxinaria coa que o estado monárquico-burgués español enche a boca e pretende lexitimar a súa eterna aspiración liquidacionista para con calquera movemento insurxente, sexa este de pensamento ou obra.
REDES ESCARLATA acredita, consecuentemente e con rubor, na vixencia dos nulos alicerces legais e democráticos que conforman o basamento da actual democracia española, herdados do franquismo, onde liberdade de expresión e reunión, manifestación e asociación, resultan alleos e estraños. Á elástica concepción democrática actual fáltanlle mínimos e sóbranlle espellos; esqueceu os principios nados á luz das fogueiras de 1789. Mais, ante a ignominia, que podemos esperar da corrupta lexitimidade europea? Unha rápida e eficaz resposta, igual que en 1945? O Piloto e o Gardarríos foron asasinados na espera.
REDES ESCARLATA esixe, pois, para Anjo, Antía e Alexandre esa aspiración coa que morre (e esta é única morte que amamos) o libro Fóra do sagrado: LIBERDADE!
Actualizado: 05/02/2008 19:24
As Redes Escarlata outorgan o IV Premio Roberto Vidal Bolaño á asociación Verbo Xido e ao historiador Dionisio Pereira.
Reunidos en territorios da antiga freguesía de Bando, Compostela, os socios de Redes Escarlata X. Antón L. Dobao, Antón Figueroa, Francisco Fdz. Rei, Rosa López, Darío Xohán Cabana e o que labra esta acta, X.L. Méndez Ferrín, o día 26 de Maio do ano 2007, proceden a se constituír en xuri do Premio Roberto Vidal Bolaño e, tras fonda deliberación acordan outorgar dito Premio Vidal Bolaño a DIONISIO PEREIRA e VERBO XIDO.
Tivéronse en conta para esta escolla a longa traxectoria do premiado nos estudos de historia contemporánea, pola súa dedicación á reconstrución de todas as formas de abxección feixista e dos crimes perpetrados contra os fillos e fillas do pobo galego así como o seu intenso labor no asociacionismo e na impulsión de entidades culturais que, como VERBO XIDO, se caracterizan polo seu servizo á cultura popular e nacional.
As Redes Escarlata farán entrega do galardón o día 23 deste mes, en Cerdedo. A xornada abrirase ás 12 da mañá cunha conferencia a cargo de Anxo Angueira no Local da Cámara Agraria, co título "Asociacionismo e memoria política". Posteriormente, durante o xantar, entregarase o IV Premio Vidal Bolaño a Verbo Xido e a Dionisio Pereira, xunto cun cadro do artista ourensán Xosé Luís de Dios.
Actualizado: 12/06/2007 21:27
Campaña a prol do proceso de paz pide a superación da lei de partidos
No estado actual de estancamento do proceso de paz, queremos reforzar a maioritaria vontade de avanzar cara a un escenario de ausencia de calquera sorte de violencia, onde a sociedade civil sexa a protagonista, sen inxerencias de ningún tipo.
Tendo en conta a importancia das vindeiras eleccións municipais, manifestamos a nosa preocupación pola situación da esquerda abertzale ilegalizada. A exclusión deste sector social e político, obtura a posibilidade dunhas eleccións plenamente democráticas con presenza de todas as opcións realmente existentes na sociedade.
Por todo o devandito, dende Galiza persoas de ideoloxía plural e diversas sensibilidades, sumámonos ás simultáneas campañas realizadas dende outras nacionalidades e dende a capital do estado español a prol do proceso de paz e da participación electoral de tódalas opcións políticas sen exclusións, instando o goberno do PSOE e as forzas políticas parlamentares para que fagan todos os esforzos precisos para derrogar a Lei de Partidos. A referida Lei, consideramos, supón unha violación do dereito de asociación, de participación, así como da liberdade de expresión, tal e como veñen recoñecendo mesmo iniciativas xurídicas que agrupan xuíces, catedráticos, fiscais e avogados.
Solicitamos tamén á xudicatura que deixe de aplicar lexislacións e medidas de excepción como a anulación por parte do Tribunal Supremo de máis de trescentas candidaturas no País Vasco, recuperando a lexislación ordinaria e asegurando sen dilacións a participación electoral da esquerda abertzale.
Cabe afortalar o camiño cara a normalización política, comprometéndose todos os sectores implicados en aceptaren as vías democráticas e o respecto dos dereitos humanos; cabe abrir vías de diálogo a prol dun proceso onde todas as voces sexan escoitadas e respectadas, porque:
A paz é necesaria e posíbel.
Galiza, 7/5/2007
Asinantes:
Actualizado: 13/05/2007 20:11
Galicia non se vende
A situación do territorio galego é, en certos aspectos, catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.
Ate o de agora os poderes autonómicos e municipais uníronse aos capitalistas especulativos nunha sorte de caricatura de Capital Monopolista de Estado. Unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.
Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que conduce ao suicidio colectivo no que se refire ao medio ambiente. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos e todas temos que acelerar ese final.
Pensamos que a actual Xunta de Galicia e os concellos que saian das vindeiras eleccións deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.
Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!
A mobilización do 6 de maio en Compostela ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerzan realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.
Actualizado: 29/04/2007 22:37
As Redes Escarlata con Dionísio Pereira, contra o fascismo

O historiador e investigador Dionísio Pereira foi citado no xulgado de paz do concello de Cerdedo (Terra de Montes) con motivo dunha “demanda de conciliación” interposta pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo durante o franquismo e xefe local da Falange Española nos días que seguiron ao golpe de Estado de 1936.
No libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (editado por “Verbo Xido” en 2006) déixase constancia da “presunta” participación de varios nomes de falanxistas implicados na salvaxe represión daquel tempo.
Tamén se aludira a eses mesmos feitos -gardados en silencio, durante décadas, entre as paredes familiares do horror- nas Actas do Congreso da Memoria que se celebrou en Narón en decembro de 2003.
A esixencia dos demandantes é que Dionisio Pereira se retracte. E que publique esa retractación nos mesmos medios onde se recolleu a información citada. Tamén piden unha indemnización “polos danos e prexuízos sufridos”.
Sete veciños asasinados, malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións semellaron ao poder xudicial, até o día de hoxe, dano e prexuízo insuficiente para abrir unha investigación. Non o fixeran, obviamente, os tribunais franquistas, cómplices ou responsables directos da barbarie; non o reclamou así tampouco poder ningún da.autodenominada “transición democrática”, con xuíces tan estelares ás veces na persecución do xenocidio a miles de quilómetros.
As Redes Escarlata queren mostrar a súa solidariedade con Dionísio Pereira. E queren sumarse a el na denuncia de todos e cada un dos fascistas que deberían ocupar asento no banco de acusados por Crime contra a Humanidade.
En Galicia e no Estado español a forma máis grave de delito segue sen condenarse sequera de maneira simbólica. A impunidade continúa. E non conforme con iso, desexa converter unha e outra vez os verdugos en vítimas, as vítimas en delincuentes, o sufrimento en escarnio público para os que sofren e para os que denuncian.
Por iso quen demanda e quen esixe a completa restitución da xustiza, da verdade, somos nós. Somos Dionísio Pereira. E nunca nos faremos cómplices de que os responsables dun Réxime criminal figuren no alto das nosas avenidas, dos nosos hospitais, dos nosos colexios, en vez de quedaren sinalados no rexistro colectivo da infamia. Eses son os mínimos democráticos de calquera Estado que se quixo chamar así en Europa.
Actualizado: 12/02/2007 22:16
Manifesto das Redes Escarlata sobre a Constitución Española de 1978
Hai 25 anos, no referéndum de 1978, entre a abstención (PGP, PSG), o non (BN-PG) e o voto en branco (POG), a esquerda nacionalista mostrou a súa oposición, un desacordo histórico, á Constitución Española. En Galicia só votou si o 44,69 % do censo.
Hai 25 anos o conxunto da esquerda nacionalista non quixo apoiar un texto que procalamaba a Monarquía na figura de Juan Carlos de Borbón e negaba o dereito de autodeterminación.
Hai 25 anos o estado social e aconfesional que figuraba na letra do texto foi correctamente interpretado como fume pola esquerda nacionalista galega.
Hai 25 anos a esquerda nacionalista entendía que a Constitución Española non era máis que unha estratexia para lexitimar o fascismo como período histórico de refundación do poder da burguesía e do control capitalista.
Hai 25 anos a esquerda nacionalista denunciaba a "Carta Magna" coma un Punto Final que impuña o esquecemento dos crimes fascistas e lle botaba terra á memoria das nosas vítimas.
Hai 25 anos boa parte da tradición de loita antifascista de obediencia española traizoou o común ideario rupturista e pactou a supervivencia e a reacomodación do Réxime franquista. O antifascismo galego non.
Hoxe, o partido no poder, directamente herdeiro da Ditadura, utiliza a Constitución como unha arma contra calquera tipo de avance político na configuración do Estado. E aínda non limpou de nomes fascistas rúas, hospitais e escolas
Hoxe, os "constitucionalistas" son os que negan a democracia e o diálogo.
Hoxe, máis que nunca, sentimos novamente os cinguidos vínculos que aínda atan o fascismo coa Monarquía, acubillo do feroz nacionalismo español.
Hoxe, máis que nunca, non somos cidadáns: somos súbditos
Hoxe, o poder xudicial non é independente do político e prohíbense partidos e péchanse publicacións cunha coordinación obscena e delatora. Investígase a Nunca Máis: o Fiscal Xeral mete medo.
Hoxe, aínda hoxe, o Estado Español é de oferenda apostólica e procisión. E hai políticos que tragan. Non, non é laico.
Hoxe, cun descaro insultante, os medios de comunicación públicos -e os privados- non están para informar: terxiversan, censuran, ocultan. Son férreo instrumento, repugnante propaganda do poder.
Hoxe coma antes, gobernan as diferentes oligarquías, os ditados imperialistas estadounidenses, a Igrexa Católica, que mantén os horrorosos símbolos fascistas nas parroquiais... Gobernan os alleos ós intereses básicos da clase obreira.
Hoxe, cunha impúdica profusión -"sen complexos"- ondean na rúa Génova as mesmas bandeiras, as mesmiñas, que ondeaban hai máis de 25 anos na praza de Oriente.
As Redes Escarlata chaman á esquerda nacionalista para que recupere o seu pensamento crítico e radical contra os fundamentos da Constitución Española.
As Redes Escarlata denuncian que o edificio e a cariátide permanecen.
As Redes Escarlata chaman a non abdicar dun horizonte de liberdade MÁIS ALÁ deste posfranquismo que nos deron.
As Redes Escarlata farán sempre memoria de Bóveda e Moncho Reboiras e de tódalas vítimas do terror fascista.
As Redes Escarlata, hoxe, igual que hai 25 anos, considéramonos herdeiras dos principios republicanos, laicos e igualitarios que moveron o galeguismo desde os vellos precursores a Castelao.
Por iso seguimos estando, con Manuel Antonio, pola futura República Galega.
As Redes Escarlata en Galicia, 6 de novembro de 2003
Actualizado: 06/11/2003 18:17
Espindo palabras na Casa Encantada
Ao primeiro foron as palabras. Vivían na rúa,
espidas, e un bando de cabróns achegáronse a elas e pedíronlles
os papeis. Como non tiñan papeis, mandáronas prender,
unha a unha, vestíronas con roupas que alguén tecía
para eles e fóronas metendo en casas sen portas nin ventás.
Elas miraron de protexer algunhas pertenzas, sobre todo as cousas que
as palabras queren dicir, e non o que o bando de cabróns queren
que digan. Tiñan outros proxectos para elas.
Primeiro, sacábanas, pero non para que lles dera
o aire ou visen a luz, non, paseábanas con fachenda, como para
aprendernos que as palabras levaban o corazón bordado na roupa,
que non lles latía no interior. E así veu o peor, pasearon,
por exemplo, a liberdade, e a xente creu que eran uns
anuncios que pegaban uns anos si e outros non con cola barata nas paredes,
con señoras e señores rindo e dicindo que a partir dese
momento todo iría moi ben.
Seguiron por mocidade (esa paséana
moito) e por cultura. A primeira metérona en
anuncios marcando paquete e gastando cartos todo o día. Se un
se fía agora desa palabra vai de cu, acaba bebendo refrescos
sen ter sede e morrendo nos hospitais porque non se parece aos tipos
e ás tipas que encerraron no anuncio. A outra, a de cultura,
ui, non che digo: desaloxaron a definición da vida, dos libros
e das páxinas gratis de Internet e plantaron alí un bloque
de pisos que vale non sei cantos millóns. Os pisos de arriba
son máis caros que os de abaixo, pero cada vez que pronuncian
a palabra, non me digas por qué, pasa sempre isto: un mamalón
a soldo tira un talonario do peto, chaman a televisión e poñen
roupa carísima.
Ben, podíamos poñernos a chorar todos e
a facer manifestos dicindo que estamos en contra, e a mirar de cambiar
os cabróns de sitio para que viñesen outros cabróns.
Pois non, mira: ao final vimos que o mellor era espir outra vez as palabras.
Pareceunos moi boa idea iso, tanto que das palabras pasamos aos feitos,
e dos feitos ás casas nas que as tiñan presas. Empezamos
por pouca cousa: poucas casas, poucas palabras. Cando gañamos
unha nova facemos unha festa e abrimos portas e ventás para que
entre tamén o aire. Limpamos todo de xiringas usadas, de especuladores
e dos bichos que atacan a madeira. Leva o seu tempo.
En Compostela conquistamos a Casa Encantada, xa hai moitos
anos disto. Fixeron igual ca nós os do Labo e o Puntal de Madrid,
as do Can mas Deu en Barcelona, a xente da Nave Ocupada en Sevilla,
e así. Nós tamén ocupar.
O que pasa é que o alcalde de Santiago, que axudara
a erguer os muros das casas nas que confinaran as palabras “esquerda”
e “socialista”, e vivía como cristo nelas, botounos.
Largou para a rúa dezaseis colectivos. Ampliando colección,
sabes. Negociou cunha constructora a cambio de prazas de aparcamento
e ala, fóra todo o mundo. Agora van derrubar a casa para forrarse
de diñeiro e así comprar máis casas para meter
máis palabras. O Diñeiro ocupará o sitio onde viviamos
nós, tan tranquilamente. Nós volveremos okupar o sitio
do Diñeiro, onde poidamos, para espir máis palabras, para
abrir máis portas á rúa e que entre máis
aire, e que haxa máis festas.
Na realidade os que ocupan ilegalemente son eles. Nós
abrimos portas e ventás en casas abandonadas e dámoslles
aire a palabras compradas polos ricos, recuperámolas: por exemplo,
concello, que significaba algo así como “asemblea”.
Puxemos a palabra preciosa, pero antes houbo que largar de alí
moito facha e moito mangante. Temos estas en obras: embaixada,
América, parlamento, fábrica, campo, riqueza, soberanía...
Varias así. Mentres, desde a ventá, vémolas pasar
aínda vestidas. Seguen no seu: formar a xuventude, informala
e entretela. Como vedes, esas palabras aínda escorren merda por
todos os sitios.
Nós tamén ocupar: ocupar o país
para construír a República. En cada proxecto autoxestionado,
contra a represión.
Soa ben, ¿eh?
Todo isto que levamos dito aquí naceu esta semana,
na nova casa que atopamos. Naceu entre os buratos do voso muro, alcaldes
da construcción. Andamos espallando semente por eles, sumamos
brazos. Espimos palabras.
As Redes Escarlata en Galicia,
Xullo 2003
Actualizado: 01/07/2003 18:16
MANIFESTO POLOS DEREITOS DOS/AS GAIS, LESBIANAS, BISEXUAIS, TRANSEXUAIS E HETEROSEXUAIS (GLBTH)
Non renunciamos ós principios inalienables
que constitúen a verdadeira democracia (ata o fondo, subversiva,
progresista): o dereito á igualdade real, a xustiza, a fraternidade
e a liberdade das multitudes. Corpos anhelantes e aberrantes nos disturbios
do Stonewall o 28 de xuño de 1969.
Porque sempre escolleremos a posibilidade de vivir todas as descubertas,
o pracer e o desexo non coutado; e perante o silencio das organizacións
políticas e sociais do noso país, as Redes Escarlata defendemos
os plenos dereitos dos colectivos de gais, lesbianas, bisexuais e transexuais.
1. De cerca, tod*s somos rar*s
2. Somos gais, lesbianas, bisexuais, transexuais
e heterosexuais
Non comprendemos que os nosos movementos acaden a liberación
se non é a través da esquerda, o nacionalismo e a república.
3. Esiximos a equiparación plena de gais,
lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais
Como son o dereito á adopción, dereito ás pensións
conxugais, usufructo de bens gananciais, etc. Revindicamos o matrimonio
civil, como estratexia da equiparación, anque o consideramos
unha ferramenta de control social de xénese heteronormativa
4. Nosoutros e nosoutras xeramos coñecemento
sobre o nós. Nosoutros e nosoutras somos suxeitos do noso propio
discurso
Rexeitamos a identidade heteronormativa predominante e rexeitamos os
seus conceptos
5. Temos a nosa cultura, a nosa identidade
Entendemos que a sexualidade é un feito cultural e político,
e que a orde heteronormativa é unha imposición opresiva
que nos afecta a todos e a todas. Dende este punto de vista construccionista,
consideramos os termos opositivos heterosexualidade/homosexualidade
unha táctica máis de normativización e control
social
6. Denunciamos as políticas persuasivas
e mercantilistas do capitalismo que se apropian da nosa cultura
(nada no exilio e na marxinación social) para conseguir beneficios
económicos, converténdonos en mercado e mercadoría
para nosoutros e nosoutras mesmos/as
7. Reclamamos a inclusión do feito gai,
lesbiano, bisexual, transexual e heterosexual como contido transversal
do noso sistema educativo
8. Boicoteamos todo proxecto social e político
que non nos inclúa explicitamente.Estamos a favor da
visualización pública non voluntaria (Outing) como ferramenta
de presión social contra a hipocrisia dos e das representantes
políticos que propicien medidas sociais contrarias ós
nosos dereitos e liberdades
9. Somos laicos/as
A nosa loita é frontal contra calquera secta ou crenza relixiosa
que agrida a nosa liberdade e dignidade con políticas homófobas,
lesbófobas, tránsfobas ou sexófobas
10. Non somos igualitaristas porque consideramos
que non temos, nin tivemos, as mesmas oportunidades que o resto dos
colectivos sociais
Solicitamos políticas correctivas baseadas na discriminación
positiva
11. Denunciamos o machismo e todos os actos de
violencia que implica
como a violencia de xénero ou condición ou como calquera
outra das súas manifestacións
12. Condenamos aqueles gobernos, sociedades e
individuos que, de forma explícita ou non, perseguen, encarceran
ou asasinan as persoas pola súa condición sexual
13. Loitamos contra calquera acto ou opinión
de carácter homófobo, lesbófobo, ou tránsfobo
vertido en calquera ámbito, tanto público como
privado, do noso contorno mediático
14. Pedimos responsabilidades políticas
polo asoballamento secular ó que estivemos e estamos sometidos/as
15. Estamos abertos/as á colaboración
internacional
Apoiamos os grupos de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais
que concorden cos puntos anteriormente expostos
Dispoñémonos a esculcar a forma na que
o desexo empreña a nosa personalidade. Outra sociedade é
posible
As Redes Escarlata en Galicia, Xuño 2003
Actualizado: 03/06/2003 18:15
Verbum: acientifismo e discriminación
As Redes Escarlata, por teimarmos que nada do noso tempo
e terra nos pode ser alleo e por considerarmos que desde Galicia e desde
a cultura e a lingua galegas se pode estar no mundo, alegrámonos de que
se crease en Galicia, e concretamente en Vigo, un museo virtual da palabra
como o Verbum
Mais, por unha banda, a falta de rigor científico
observable en certos contidos, que en moitos casos poden provocar confusión;
a discriminación que se fai dos productos culturais e editoriais
galegos de innegable utilidade nun museo coma este, e, por último,
a discriminación da lingua e da literatura galegas , que aparecen
en total subordinación ó español, lévannos a decer que este non pode ser
o museo da palabra soñado por calquera persoa culta, sensible e respectuosa
con este país e con este tempo, polo que esiximos que, canto antes, se
corrixan as eivas que máis abaixo pasaremos a referir a xeito de resumo
e outras eivas semellantes.
Moi probablemente, os galeguistas que forman parte do Comité
de Expertos nada tivesen que ver na elaboración dos contidos e no desequilibrado
resultado final que se nos presenta no Verbum estes días. Estamos seguros
de que se eles fosen efectivamente consultados moitos erros detectados
non se chegarían a producir nunca. Así e todo, a presencia do seu nome
nese Comité non pode servir para acalar as críticas que a entidade ou
o seu labor merecen ou poidan merecer. Así mesmo, denunciamos a ausencia
neste Comité de Expertos de científicos de solvencia no eido da investigación
lingüística e da traducción, dos que afortunadamente temos bos exemplos
nas universidades galegas.
Constatamos que nestes días se están a corrixir eivas detectadas
pola comunidade científica da Universidade de Vigo, que deu a voz de alarma
perante a desfeita conceptual que ofrecía este museo nos seus inicios;
pero pedimos que se corrixan xa, no menor prazo de tempo posible, tódalas
carencias e desacertos que aínda se poden ver no Verbum, porque este museo
está chamado a ser visitado e gozado por todo tipo de público, especialmente
por escolares que non poden ser inducidos a confusións e, menos aínda,
non debe visualizárselles unha cultura e unha lingua galegas discriminadas
e secundarizadas.
1. Falta de rigor científico
a) É de lamentar a mestura de autores dos sistemas literarios
español e galego , o que fai que o sistema galego pareza unha parte
integrante e dependente do primeiro. Os autores de nacemento galego aparecen
mesturados dando a impresión de que todos escribiron nas dúas linguas
ou que tiveron importancia nas dúas. E isto non é así para nada: “Galicia
ten sido berce de notables autores literarios, tanto en galego como en
castelán., Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán....” Pardo
Bazán nada escribiu en galego, e Valle en galego só escribiu un poema.
O apartado da literatura semella ideado e redactado por alguén totalmente
alleo á cultura galega e nada informado da nosa realidade literaria. Non
hai literaturas bilingües .
b) No mapa lingüístico do idioma galego confúndese
Galicia administrativa con territorio lingüístico galego, co agravante
de que están mal representados os tres bloques lingüísticos (a ribeira
occidental do Eo aparece no bloque central, o bloque occidental está sobredimensionado
cara ó leste, etc). Parécenos moi positivo que se teña en conta que o
galego tamén se fala fóra da Galicia administrativa, pero hai erros
de precisión xeográfica ó situar en Lugo e Ourense puntos de León
ou Zamora. Debe quedar claro –e con mostras orais- de que tamén se fala
galego nas comarcas estremeiras do Eo-Navia (Asturias), Bierzo Occidental
(León) e As Portelas (Zamora), e tamén que existe un galego arcaizante
no Val do Río Ellas (Cáceres).
c) A terminoloxía de tipoloxía lingüística é incorrecta
e induce a confusión. Preséntanse como linguas variedades lingüísticas
(boliviano, chileno, etc.); desígnase co xentilicio dun estado (indio,
indonesio) o nome da lingua oficial; empréganse denominacións moi cuestionadas
e en desuso (lejítico) ou simplemente erradas e confusas (africano por
africáner), etc., etc.; fálase de idioma “chinés” pero logo non se pode
oír o “chinés”, senón gravacións de frases en mandarín e cantonés, etc.
Todo isto provoca confusión e pode inducir a unha aprendizaxe errada e
deformadora.
d) A visión das linguas do mundo é eurocentrista ,
pois nada se di nin informa das linguas amerindias, africanas, polinésicas,
etc., unicamente se presentan as linguas indoeuropeas e, en moita menor
medida, algunhas asiáticas.
e) Que se saiba, os petroglifos galegos non son representacións
escritas de lingua ningunha, polo que non se poden expoñer como exemplo
de sistema de escrita, senón que se trata de representacións simbólicas
de difícil e controvertida significación.
f) Ademais da falta de rigor e cientifismo, obsérvase un
absoluto desleixo cando á par ou debaixo de moitos textos e poemas
(de Celso Emilio Ferreiro, Chus Pato, Gonzalo Navaza, etc., etc.) non
figuran nin as obras das que están tiradas nin os autores. A partir da
denuncia dos profesores da Universidade de Vigo comezáronse a corrixir
estas eivas, pero aínda se aprecian ausencias e mesmo erros gramaticais
na reproducción dos textos. O mesmo se podería dicir do aproveitamento
total ou parcial de informacións ou estudios, cando os especialistas detectan
perfectamente a procedencia pero o museo non indica autoría da información
fornecida.
2.- Discriminación de productos culturais galegos
a) Os contos infantís que se poden escoitar son
unicamente en castelán , co que se manifesta unha total ignorancia
do feito en Galicia desde hai moitos anos. Véxase a serie de Edicións
Xerais Vouche contar un conto (contos infantís nas voces de Bernardino
Graña, Sabela Álvarez, etc., etc.; ou os contos tradicionais editados
en libro e casette por Edicións do Cumio na serie Contamoconto (A bela
e a besta, O libro da selva, O gato con botas, Os tres porquiños, etc.,
etc.,); ou o precioso libro A memoria das árbores, editado por Kalandraka
e a Orquestra Sinfónica de Galicia, con música de Marcial del Adalid,
texto de Xosé Neira Cruz e ilustración de Kiko Dasilva (libro + CD) e
outros productos semellantes desta editora pontevedresa especializada
no mundo infantil.
b) A ausencia nos libros relixiosos da edición galega da
Biblia , da Editorial Sept, traducida directamente de grego, arameo
e hebreo ó galego e que obtivo en 1990 o Premio Nacional de Traducción.
c) A ausencia nos libros prohibidos da magnífica edición
da Divina Comedia en traducción de Darío Xohán Cabana e editada
pola Xunta de Galicia, cando se presentan dúas edicións en español desta
obra de Dante. A traducción deste escritor galego mereceu en 1991 a Medalla
de Ouro do Concello de Florencia, a proposta da Società Dantesca Italiana.
d) Moi cativa presencia dos productos editoriais e audiovisuais
galegos , o que dá unha impresión pobre e raquítica da fortaleza deste
sector dentro do mundo cultural galego. A pesar da exposición, cativa
tamén, sobre Vigo como centro do mundo editorial galego, a sensación xeral
que dá o Verbum é o da invisibilidade de productos galegos de gran calidade
existentes no mercado.
3.- Discriminación da lingua galega
a) Na explicación de cada letra dedícaselle unha
liña en galego e alomenos seis en castelán, cunha explicación máis completa
e rigorosa.
b) Para as definicións sempre se acode ás definicións
do diccionario da Real Academia Española , marxinando totalmente o
diccionario da Real Academia Galega e outros productos lexicográficos
recentes de alta calidade. Baste como mostra sinalar que nun panel se
cita a definición de “retintín” dada pola RAE e logo cópiase isto literal
en español no panel en galego, sen traducir no seu equivalente “retranca”
nin citar a definición da RAG.
c) Apartados enteiros coma o de comunicación animal,
xogos de mesa con palabras, árbore xenealóxica das linguas europeas, etc.,
só aparecen en español .
d) Como mostra de xornal en galego aparece Faro
de Vigo en español.
e) A onomástica só se pode consultar a partir do español .
Se alguén se chama Breixo ten que buscarse por Verísimo, e se alguén se
chama Iria o seu nome non aparece.
f) O encrucillado xigante en galego é irresoluble ,
o castelán non. Nos diarios de Galicia pódense achar doadamente bos encrucillados
da autoría de Paulino Novo e Darío Xohán Cabana.
g) ...
4.- Subordinación da lingua galega.
a) Esquizoglosia bilingüe-1 : É deplorable que o
galego apareza en moitas ocasións ó lado ou debaixo do texto en castelán,
subordinado, dependente, subsidiario do castelán. Iso denota unha concepción
desprezativa da única lingua natural de Galicia.
b) Esquizoglosia bilingüe-2 : É absolutamente innecesario
e incomprensible o bilingüismo almacén/almacén, administración/administración,
televisión/televisión, rotativa/rotativa, etc., que aparece ó longo de
todo o museo. Non se trata só de algo semellante ó anterior, senón que
representa un insulto á intelixencia dos castelán-falantes, ós que se
cre incapaces de comprender o significado de caixa, indicador, abaixo,
escribe, etc
5. Erros no galego empregado.
Detéctanse nos paneis explicativos, vidreiras e pantallas
erros de acentuación, castelanismos morfolóxicos (arte vivo por arte viva,
introduzcas por introduzas, etc.); castelanismos léxicos; consideración
do arcaísmo e dialectalismo mao (por malo) como forma popular e vulgar
ó mesmo nivel ca pra ou tou (módulo S: “Comer palabras”), etc., etc.,
do que se deduce precipitación e graves carencias gramaticais e conceptuais
no galego alí reflectido que inducen frecuentemente a erros.
O castelán empregado é sempre correcto, o galego presenta
erros, que urxentemente cómpre corrixir, para non seguir dando a impresión
de que en galego todo vale.
6.- Falta de sensibilidade
a) A redacción do módulo dos xordos é ofensiva ,
non poden ser “xordomudos” porque mudos non son: falan coas mans. A consideración
histórica que se tiña dos xordos sobra tamén por ofensiva. En xeral, este
módulo resulta bastante desafortunado.
b) Ignórase totalmente a cultura literaria de expresión
portuguesa , ó non apareceren por ningures escritores de Portugal nin
de Brasil (Camoes, Pessoa, Amado, Guimaraes Rosa, Eça de Queiros, etc.,
ou o mesmo Saramago que está no “Comité de Expertos do Verbum”) pero si
hispanoamericanos de expresión española. O Verbum, a 30 km de Portugal,
debería ter en conta este feito para que os escolares e cidadáns portugueses
que nos visitan tan a cotío non visen desprezada a súa cultura.
7.- Propostas urxentes de corrección e mellora:
a) Introducción do galego como lingua por defecto
en todo o museo, con posibilidade de xogar ou informarse en diferentes
linguas (español, portugués, francés, catalán, euskera, inglés, italiano,
alemán, etc.), facilmente realizable con programas informáticos.
b) Maior aproveitamento do museo para “consumo interno” :
consulta toponímica, patronímica, onomástica, léxica, etc., a partir de
bases de datos de toponimia, patronimia, onomástica e léxica galega, mediante
programas implementables e mellorables periodicamente.
c) Maior presencia de árbores xenealóxicas, cartografía
lingüística e audiomapas interactivos con moitas máis linguas (amerindias,
africanas, polinésicas, asiáticas, australianas, etc.), pois este apartado
peca de excesivo eurocentrismo ; exemplos escritos de moitas máis
linguas (xornais, revistas, libros, etc.); posibilidade de consultar páxinas
de libros “universais” en moitas linguas (O Principiño, O Pinocchio, O
Capital, a Biblia, etc.).
d) Corrección de numerosas eivas técnicas que impeden
xogar/aprender/ouvir en moitos dos módulos existentes.
e) Ampliación e mellor presentación do módulo do sistema
de lectura táctil dos cegos ou braille: máis espacio, cada letra,
etc.
f) No módulo das linguas do mundo aparecen uns tubos
transparentes que conteñen figuriñas representando o número de falantes.
O galego aparece o último cunha soa figuriña ó ser comparado co “indio”(sic),
o inglés, etc. Outramente, sería interesante tamén poñer -en positivo-
eses mesmos tubos co número de falantes do galego comparados cos do islandés,
eslovaco, esloveno, lituano, letón, etc., linguas oficiais de estados
soberanos, para que se vexa que o galego non é lingua de poucos falantes,
que todo depende do punto de comparación. Esta concepción minoritaria
e raquítica do galego é de grande e negativo impacto visual entre os visitantes,
e deberíase corrixir.
g) Introducción de exemplos e audicións das falas gremiais
galegas (canteiros, telleiros, cesteiros, paraugueiros, etc.), de
textos de galego medieval (e doutras linguas), etc., etc.
h) Separación dos escritores por sistemas literarios :
galego, castelán, portugués, etc. Valle-Inclán non é un escritor da literatura
galega, como Méndez Ferrín non o é da hispanoamericana (española). Neste
sentido é de lamentar profundamente a confusión á que se induce coa presentación
actual.
8.- Remate:
En xeral, e en moitos casos particulares, aprécianse uns
contidos realizados desde fóra de Galicia sen ningunha sensibilidade e
coñecemento do sistema cultural galego, lingüístico e literario, mesturando
(ou integrando) o sistema galego co español, dando unha idea falsa de
bilingüismo desequilibrado, onde a cultura galega é sempre B e a española
sempre A, e ignorando totalmente a lingua e a cultura irmás portuguesas.
Seméllanos desconcertante que fose unha empresa catalá
a que fixese este deseño museístico, pois ninguén en Cataluña ousaría
seguir escribindo Lérida, Gerona ou Játiva (como aparecen no mapa virtual
da toponimia peninsular), aínda que por outra banda aparezan catalanismos
referidos ó nome dalgúns países europeos: Txecoslováquia podemos ler como
país onde se fala o checo. Isto é aínda máis grave se incidimos na falsa
información : desde hai unha década hai dúas repúblicas, a checa e
a eslovaca, onde se falan cadanseus idiomas. A información que ás veces
se transmite esta superada, máis ben parece o resultado dun refrito
posiblemente aproveitado dun museo ou un sistema informático anticuado
onde se empregarían tamén o catalán e o inglés, pois aparecen nomes de
países como República Socialista Soviética (onde se di que se fala o ruso),
USSR (onde se di que se fala armenio) ou Ukrania SSR (onde se di que se
fala ucraíno).
Criticamos que a dirección do Verbum botase man duns “especialistas”
de fóra cando hoxe en Galicia hai persoas, equipos e institucións perfectamente
capacitadas para realizar un museo coma este, que non cometería tantos
erros e, por suposto, que non ignoraría nin desprezaría productos culturais
galegos de innegable calidade. O pecado de sempre: non confiar nos productos
e nos equipos do país, pensar que só o bo pode vir de fóra.
Como remate, digamos que todo isto ten a súa repercusión
na consideración ignorante que se ten da cultura galega, e concretamente
da súa lingua e da súa literatura. Vexamos só un exemplo máis:
“Galicia ten sido berce de notables autores literarios, tanto en galego
como en castelán., Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Rosalía
de Castro ( quen tamén destaca pola súa obra en galego )...”
Se Rosalía de Castro é coñecida, recoñecida, querida e
admirada hoxe en Galicia; se Rosalía é hoxe unha figura da cultura universal
é, fundamentalmente, pola súa contribución ó engrandecemento da literatura
galega. Só alguén que non ten os pés, a razón e o corazón en Galicia pode
redactar un parágrafo tan desafortunado. Esta cauda é toda unha declaración
das intencións coas que se fixo este museo. Sobran comentarios.
As Redes Escarlata ó 18 de maio de 2003, Día Internacional do Museo. Ano de Antón Avilés de Taramancos.
Actualizado: 18/05/2003 18:12
