Sábado 30 de Outubro do 2004

CELSO EMILIO
APARTHEID (IN MEMORIAM DE MARTÍN LUTERO KING)
(Noticias dos xornales)

"Ser branco en Alabama é unha ventaxa"
dixo un home con bico de coello
a William Moore que por alí pasaba.
E William Moore respondéu: "O importante
é ter a ialma branca, non o coiro"
O coello repricóu: "Eu non entendo
pois nunca vin un alma. "¿Teñen color?"
"Abofé que sí", afirmóu William;
"creer que negro e branco son igoales
é tanto como comezar a ter a ialma branca"

William Moore era branco de alma branca
i era ademáis carteiro; e mentras ía
repartindo o correio polo barrio de Attala,
en Alabama, USA,
falaba contra o apartheid.
"¿Gostaríalle ver a unha filla súa
casada cun negro?", decíanlle ao carteiro,
na taberna, no bus i á saída
dos servicios relixiosos.
Aquela era a tesis contundente,
o argumento bomba,
a razón abafante. William coidaba:

"Eiquí ten que haber un erro
pois eu como solteiro nada sei
de bodas nin de fillos."
Había outros que non se atrevían
a enseñar os dentes de lobo que portaban
pra morder sin piedade na ocasión doada,
e decían, con desimulada ira:
"Mire, señor, eu sonlle cristián vello
e como tal ademito
que os homes son igoales ante Deus
pero eu estóu moi lonxe de ser Deus.
¿Gostaríalle ver a unha filla súa
casada cun negro?
E William respondía: "Tampouco me gostaría
casala con vosté, non embargantes
a súa branca pel de estúpido".
Os patriotas locales opinaban
que o asunto era comprexo e moi difícil
de entender por aquiles que non fosen
nados en Alabama, USA.
"E vosté, William Moore, é de Florida.
¿Gostaríalle ver a unha filla súa
casada cun negro?
E dalle: "¿Gostaríalle saber
que a súa nai foi puta de burdel
e seu pai condanado á silla eléutrica?"
Había os apolíticos:
"A igualdá de dereitos pra os negros
é doitriña marxista que pretende
esnaquizar o noso mundo libre
i o noso outo standard de vida.
¿Gostaríalle ver a unha filla súa
casada cun negro?"
William Moore decía que sí,
que lle gostaría
pero que aquil matrimonio imposíbel
non resolvería o probrema.
"Eu falo en nome de principios marales
sin pensar no home
que poidera convirlle
á filla que non teño,
nin penso ter".

William Moore, home testudo,
continuóu repartindo o correio
polo barrio de Attala, en Alabama, USA
e seguía insistindo nas súas ideias:
Si un neno negro non pode
adeprender a ler i a escribir
o seu idioma patrio
na mesma escola en que adeprende o neno branco
é porque algo anda mal
no corazón daquil país que erguéu
unha estauta á Liberdá con ele maúscula;
e que si un mozo negro que loitara
hombro con hombro a carón dun mozo branco
pra derrubar a Hitler,
non podía despóis vivir na mesma casa,
nin ir no mesmo bus que o mozo branco,
era porque esistía unha profunda
ferida de inxusticia soterrada
no corazón de USA...

¿Qué lle pasóu entón a William Moore?
As súas razós tiñan
unha difícil réplica. O outros,
os que levan por dentro dentes de lobo
e por afora risa de coello,
deron cunha razón decisiva:
un tiro de pistola espetado na nuca
de William Moore,
nas aforas de Alabama, USA,
unha madrugada.

..................


celso emilio ferreiro --- viaxe ao pais dos ananos
Escribiu: Elisa ás 03:11:09