Fixen un pacto coa prostitución para sementar a desorde
nas familias. Lembro a noite que precedeu a tan perigosa alianza. Vin ante
min un sepulcro. Escoitei que un lucecú, grande como unha casa, dicíame: Voute
iluminar. Le a inscripción. Esta orde suprema non provén de min. Unha
vasta luz da cor do sangue, pola que tremeron as miñas mandíbulas e os meus
brazos caeron inertes, extendeuse polos aires ate o horizonte. Apoieime contra
un muro en ruínas, pois pensei que caía,
e lin: Atópase aquí un adolescente que morreu tísico: xa sabedes
por que. Non preguedes por el. Moitos homes non terían se cadra tanto
valor coma min, . Mentras unha fermosa muller núa tendeuse aos meus pés. Eu,
a ela, con triste semblante: Pódeste erguer. Tendinlle a man coa
que o fraticida córtalle o pescozo
á súa irmá. O lucecú, a min: Toma unha pedra e mata.- Por que? Dixen. El a min: Ten coidado,
ti, o máis feble, porque eu son o máis forte. Ela chámase prostitución
Con bágoas nos ollos e rabia no corazón, sentín nacer en min unha forza descoñecida.
Tomei unha grande pedra; con moito esforzo, leveina a duras penas a altura
do meu peito; cargueina ao ombreiro cos brazos. Subín ate o cumio dunha montaña:
dende alí aplastei ao lucecú. A súa cabeza afundiuse tanto na terra como alto
é un home; a pedra rebotou ate a altura de seis igrexas. Foi a caer a unha
lagoa, descendendo as súas augas un instante, arremuiñándose e abréndose nun
inmenso cono invertido. A calma volveu á superficie; apagouse a vermella luz.
Ah, ah, exclamou a fermosa e nua muller, que fixeches?. Eu, a ela:
Prefírote ao lucecú, porque apiádome dos desgraciados. Non é culpa túa se
te creou a xustiza eterna.
Ela, a min: Algún día os home faranme xustiza; non te digo máis. Déixame
partir para que poda ocultar, no fondo do mar,
a miña tristura infinda. Só ti e os horrendos monstros que existen
naqueles negros abismos, non me despreciades. Es bon. Adeus, ti que me amaches.
Eu, a ela: Adeus! Unha vez máis: adeus! Amareite sempre!... Dende hoxe,
abandono a virtude. Por iso, pobos, cando oigades o vento invernal xemindo
sobre o mar e xunto ás beiras, ou por riba das grandes cidades que, dende
fai moito, levan loito por min, ou ao traverso das frías rexións polares,
decide: Non é o espíritu de Deus que pasa; é só o agudo sospiro da prostitución
unido aos graves xemidos do montevideano. Nenos, son eu quen o di. Cheos
de misericordia, axeonlládevos; e que os homes, máis numerosos que os piollos,
fagan longas pregarias. Cantos
de Maldoror (1869). Isidore Ducasse