
A IDEOLOXÍA REINTEGRACIONISTA (Notas de filoloxía política -2.0) (III)
O obxectivo destas páxinas é demostrar que o denominado reintegracionismo, conscientemente ou non, comporta unha ideoloxía de alleamento dos referentes políticos nacionais; que nacendo e desenvolvéndose no interior das diversas formas de soberanismo, actuou primeiro como o seu soporte retórico-político e despois virou cara a ruptura con eles.
A IDEOLOXÍA REINTEGRACIONISTA (Notas de filoloxía política -2.0) (II)
O obxectivo destas páxinas é demostrar que o denominado reintegracionismo, conscientemente ou non, comporta unha ideoloxía de alleamento dos referentes políticos nacionais; que nacendo e desenvolvéndose no interior das diversas formas de soberanismo, actuou primeiro como o seu soporte retórico-político e despois virou cara a ruptura con eles.
A IDEOLOXÍA REINTEGRACIONISTA (Notas de filoloxía política -2.0) (I)
O obxectivo destas páxinas é demostrar que o denominado reintegracionismo, conscientemente ou non, comporta unha ideoloxía de alleamento dos referentes políticos nacionais; que nacendo e desenvolvéndose no interior das diversas formas de soberanismo, actuou primeiro como o seu soporte retórico-político e despois virou cara a ruptura con eles.
A mocidade galega en defensa do agro
En Santiago de Compostela, do 18 ao 23 da xaneiro xornadas da mocidade galega en defensa do agro.
Actualizado: 17/01/2010 12:36
Vieiros: A vangarda xornalística (1959-1968)

Foron os exiliados Carlos Velo, Florencio Delgado, Arturo Souto e Luís Soto quen idearon a revista Vieiros, vencellada ao Padroado da Cultura Galega de México e aos grupos nacionalistas organizados naquel país. O primeiro número saíu no 1959 por iso estamos no 50 aniversario.
A revista foi un estoupido de cores e de renovación ideolóxica no panorama político e cultural galegos. Digo de cores porque ao imaxinativo deseño (a cargo de Arturo Souto) xúntanselle as ilustracións de Laxeiro, Castelao, Quessada, Díaz Pardo... Unha revista editada a cor, con papel de calidade, monolingüe, con abundantes páxinas. Vieiros revolucionou o mundo cultural galego.
O grupo máis activo dos exiliados galegos en México eran antigos militantes do PCE e do Partido Galeguista. Desta relación, entre nacionalistas e comunistas, xurdían faíscas como tentativas dunha organización nacionalista de praxe marxista. Por exemplo aquela experiencia da Solidariedade Galega Antifeixista onde estaban Castelao, Florencio Delgado, Arturo Souto ou Luís Soto alá polos anos da guerra civil.
Luís Soto encabezaba aquela teima vida dos tempos republicanos, cando xunto a Víctor Fraiz ou Benigno Álvarez cavilaban na constitución dun Partido Comunista Galego. Non foi daquelas pero Soto teimaba. Naceu a Comisión Galega do Partido Comunista de Hespaña, a inicios dos 40. Pero de aí non pasou. Así que Soto e outros compañeiros marcharon do PCE para avanzar. Avanzaron até que no 1964 se funda a Unión do Pobo Galego (UPG) onde está Luís Soto no xantar da Rocha. Mais antes Carlos Velo enviaba unha carta, publicada en Vieiros, ao grupo Brais Pinto para que deran o paso adiante. Dérono.
Por iso Vieiros e o Padroado da Cultura Galega de México teñen a súa función na renovación ideolóxica e a aparición do nacionalismo de práctica marxista. En México foi onde se editaron os dous primeiros números de Terra e Tempo, da man de Soto e Carlos Velo.
Denantes de Vieiros xa existira a experiencia de Saudade, onde teñen máis peso os sectores galeguistas. Pero estes foron perdendo folgos fronte a afouteza e dinamismo dos comunistas galegos. No terceiro número de Vieiros Florencio Delgado Gurriarán foi substituído por Xosé Caridad Mateos e o propio Padroado foi dirixido polo grupo vencellado á UPG.
Foron só catro números e un quinto quedou en proxecto mais garda unha importancia na nosa historia. Nas páxinas de Vieiros confluíron a xeración galeguista de Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Celso Emilio, García-Sabell... coa xeración da xente moza dos Ferrín, Ramón Lorenzo, Arcadio López-Casanova... como se fosen dous regatos que dan a un río maior. Eis un dos grandes activos desta revista.
Neste 50º aniversario as Redes Escarlata organizan un ciclo de conferencias en Celanova (terra de Luís Soto) onde diferentes relatores (Xosé González, Ferrín, Luís Foz, Herminio Barreiro, Ana Acuña e Roberto Noguerol) darán boa conta sobre diferentes aspectos, históricos e actuais, da revista Vieiros e que conta co abeiro do Concello de Celanova.
Degoramos que sexa un acto para lembrar e que poña en valor o esforzo daqueles patriotas exiliados que loitaron polos dereitos democráticos e pola exaltación cultural do noso pobo.
Xurxo Martínez González
Actualizado: 30/09/2009 21:07
Ao compañeiro Tiago Pérez, detido por defender a legalidade, e a todo o Foro Social de Cangas
Camarada Tiago, camaradas do Foro Social de Cangas, recibide un saúdo solidario das Redes Escarlata.
Chega a nós a má nova da detención de Tiago Pérez, un dos portavoces do Foro Social de Cangas, por “coaccións e impedir o desenvolvemento das obras do porto deportivo de Massó”. Non é a primeira; o pasado 1 de xuño xa fora detido con dous compañeiros máis do Foro Social nas inmediacións da praia de Punta Balea, despois de ver como os axentes da autoridade ordenaban que as máquinas marchasen sobre as persoas que alí se manifestaban pacíficamente. Esta nova detención é un exemplo máis da esquizofrenia capitalista e pseudodemocrática que nos impoñen por medio da coación as forzas do Partido da Orde e dos seus cans pagados cos nosos impostos.
Nas Redes Escarlata identificámonos plenamente coa loita intensa, longa e pacífica que o pobo de Cangas mantén contra o capitalismo máis feroz, e solidarizámonos co compañeiro represaliado e con todos/as aqueles/as que mediante a resistencia popular constitúen un exemplo a seguir para toda a Nación, e condenamos a prática represiva que o goberno exerce contra quen defende os intereses populares mentres reaccionariamente ampara, mediante a dilación e outras estratexias servís, o proceder faccioso da Garda Civil como gardacostas de Caixanova e a mercantil Marina Atlántica.
A favor do marisqueo local e a pesca de baixura, a favor da conservación ecolóxica da zona e contra un máis que dubidoso desenvolvemento turístico, só a resistencia veciñal impide a consumación dos feitos.
É por iso que as Redes Escarlata acompañan e acompañarán sempre a quen exerza a firme defensa ecolóxica da Terra e os intereses das clases populares.
Apertas escarlatas
Galicia, 15 de xullo de 2009.
Actualizado: 16/07/2009 21:56
Para o alcalde, Antonio Araúxo, e para o equipo de goberno municipal de Gondomar
Compañeiras e compañeiros, recibide un saúdo solidario da organización sociocultural Redes Escarlata.
Identificados coa traxectoria municipal e coa filosofía política do voso grupo, queremos expresarvos o noso apoio total ante a manobra reaccionaria e contraria aos intereses populares que significa o intento de remuda no goberno municipal, que levaría a instalar nas responsabilidades do concello a un grupo de personaxes declaradamente corruptos, e mesmo algúns deles condenados en sentenza xudicial.
Estamos pola rexeneración moral e democrática dos nosos concellos, despois de anos e anos de fascismo e de utilización particular dos mesmos. Non podemos consentir que tanto esforzo e sacrificio poidan ser inútiles ante os embates da política máis negra e tebregosa, rastreira e caciquil que coñeceron os tempos.
Apertas escarlatas
Galicia, 3 de xullo de 2009
Actualizado: 07/07/2009 20:51
OS POETAS CANTAN A CABANILLAS
A asociación de intervención sociocultural REDES ESCARLATA, á que nada relativo á lingua e á cultura galegas lle é alleo, en abril do 2008 celebrou en Padrón o 50 aniversario da coroación poética de Ramón Cabanillas, xunto con poetas das terras de Iria e de Cambados.
Neste ano 2009 en que Cambados e a comarca do Salnés están a conmemorar o 50 aniversario do falecemento do poeta das Irmandades da Fala, as REDES ESCARLATA e os Poetas da Terra de Cambados queren cantar a Cabanillas na súa vila natal ovindeiro venres 3 de xullo. Este mesmo día do ano 1960 inaugurouse no popular paseo da Calzada o monumento que deseñara Francisco Asorey, formado por un cón do Monte da Pastora (coa dedicatoria de Vento mareiro a Cambados), sobre unha base de pedra do pinal de Tragove que cantara Cabanillas.
O programa dos actos é o seguinte:
1. Ás 20h concentración diante da casa natal do poeta (actual Casa-Museo Ramón Cabanillas, sita na rúa Novedades de Fefiñáns).
Despois da saudación a cargo de Francisco Fernández Rei e da interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia polo gaiteiro (e presidente das Redes Escarlata) Xosé Antón Laxe Martiñán, farase un cortexo cívico con este percorrido: praza de Fefiñáns (popularmente praza do Mercado), rúa Real (pasando por diante da casa familiar de Cabanillas), praza de Asorey (onde está o monumento ó escultor da Naiciña e a casa modernista onde viviu Valle-Inclán), rúa do Príncipe e paseo da Calzada. No monumento farase unha ofrenda floral, en nome das Redes Escarlata e do pobo de Cambados.
2. Ás 20,30h., no paseo da Calzada, haberá un recital poético e unha actuación musical, precedida da intervención de Luís Rei (cronista dos desterros e das saudades de Cabanillas ) e da intervención dun familiar do poeta.
A seguir o escritor (e membro das Redes Escarlata) Anxo Angueira irá presentando as persoas que van recitar textos propios ou de Cabanillas:
Polas Redes Escarlata recitarán Óscar Antón, Neves Soutelo, Xosé Luís Santos Cabana, Xaquín Silva, Xosé Antón Laxe Martiñán, Elvira Riveiro, Isaac Xubín, Xabi Xil Xardón, Iago Castro e Antón Dobao.
Pola Terra de Cambados recitarán Emilio Insua, María Xosé Cacabelos, Manuel Costa Trigo, Xosé Ramón Martínez Cacabelos, Domingo Tabuyo e Xosé María Vila Ribadomar.
Haberá tamén música (e poesía) a cargo de Leo de Matamá (membro das Redes); e finalmente o gaiteiro Laxe Martiñán interpretará o Himno Galego.
3. Se chove farase a concentración na casa natal de Cabanillas, o cortexo e a ofrenda; pero o acto poético-musical trasladaríase ó Auditorio da Xuventude, sito na rúa San Francisco, a uns pasos da actual igrexa parroquial (antigo convento franciscano sobre o que versou en 1923 o tema da sesión inaugural do Seminario de Estudos Galegos, a cargo do seu primeiro presidente, o arraiano Armando Cotarelo Valledor).
4. O Ilmo. Concello de Cambados colabora no acto poético do 3 de xullo en honra de Cabanillas coa achega de toda a infraestrutura necesaria.
Fefiñáns (Mar da Arousa), 25 de xuño do 2009
Actualizado: 26/06/2009 23:37
Un bosque de compromiso
Velaquí o bosque, velaquí a fronde miñorana. Velaquí a espesura do compromiso intenso, fondo, a vexetación do desexo que devén movemento ou forza transformadora. Velaquí o bosque.
As árbores deste bosque chantan as súas raiceiras nun humus tan nutritivo coma brioso. A súa cofia extrae da terra a presenza dos que foron semente: Volta dos Nove, fosa de San Xián. Memoria.
[Aparte1: O sistema pseudodemocrático en que vivimos, herdeiro directo do fascismo, teima en non recobrar a lembranza dos asasinados, teima en manter monumentos aos asasinos. O Instituto de Estudos Miñoranos ponse manifestamente á beira dos silenciados, dos que aínda non recuperaron o lugar que lles corresponde]
As árbores deste bosque acariñan a pedra labrada nos tempos en que a historia se escribía esbocando nas laxes: Chan do Cereixo, Outeiro dos Lameiros, Monte Tetón, Auga da Laxe… O que fomos. O que somos.
[Aparte 2: Hai quen na súa cativeza só alcanza a ver o beneficio fácil e depredador, hai quen quere vendernos ao túzaro capital que ignora e destrúe o patrimonio común con aspas e sen elas. Doutra banda, o Instituto de Estudos Miñoranos recupera, pon en valor, defende, difunde un patrimonio material e inmaterial dunha fertilidade extraordinaria e única]
As árbores deste bosque gorecen nomes que nos cinguen ao caudal colectivo: Xosé María Álvarez Blázquez, Francisco Fernández del Riego, Lois Tobío, Victoriano Taibo… Alcouvo.
[Aparte 3: Nun momento en que o liberalismo atroz, o neofascismo revestido cun sorriso tan permanente como falso, acomete a infame tarefa de desposuír a multitude da súa historia, dos dereitos máis fundamentais, dos logros conseguidos con décadas de sangue, da lingua dos avós que temos mortos… o Instituto de Estudos Miñoranos honra a aqueles que empeñaron a vida en rescatar e dignificar a nosa historia, a nosa lingua, a nosa literatura]
A sombra das ponlas vigorosas deste bosque teima en custodiar as arterias que nos ligan á terra… SOS Groba. Somos A Groba. Somos Monteferro. Resistencia. Reinsistencia.
Nesta espesa foresta acubíllase o recoñecemento e a difusión do labor daquelas que no presente contribúen coa escrita á rica biomasa da lingua de noso. De aí o premio de xornalismo Nano Cambeiro, o premio de poesía Victoriano Taibo: a palabra rutilante.
Estamos a falar dun bosque pródigo en especies, polivarietal, polícromo, polifónico… mais unido no comunal esforzo de fortalecer a varcia vizosa do idioma: Talasonimia da costa sur de Galicia, Os nomes de Gondomar… Porque non é só o idioma o que está ameazado / senón a nosa propia capacidade lingüística. (Chus Pato)
Xeiras multitudinarias, faladoiros, publicacións, conferencias, presentacións, homenaxes… a fraga miñorana é, tal como reloce no verso indócil, un remanso altivo e coroado de quimeras.(Silvia Penas)
O VI Premio Vidal Bolaño, que hoxe entregamos pretende ser un recoñecemento público daquela persoa ou colectivo que destaque polo seu compromiso coa emancipación das clases populares, na súa diversidade de expresións de loita e resistencia, e coa construción da República Galega, coa súa cultura, coa súa lingua. Así se pode ler nas súas bases. Así mostramos hoxe a nosa solidariedade co valiosísimo traballo multidisciplinar que nos últimos dez anos vén desenvolvendo o IEM.
Así honramos este fecundo bosque, porque
É neste bosque onde os límites acordan
e se confunden de vértice e se amparan.(Silvia Penas)
Elvira Riveiro en Gondomar o 20 de xuño.
Actualizado: 26/06/2009 23:28
Actualizado: 16/06/2009 22:36
VI PREMIO VIDAL BOLAÑO
Reunidos en Santiago de Compostela na casa natal de López Ferreiro e sede do ILG os membros das Redes Escarlata Xurxo Martínez González, Carme Hermida Gulías, Elvira Ribeiro Tobío, Xosé A. Laxe Martiñán e Xosé L. Méndez Ferrín, este último en calidade de secretario, constitúense en xurado para dirimir o Premio Roberto Vidal Bolaño na súa sexta convocatoria.
Despois de se debater diversas propostas o xurado acordou por unanimidade conceder o premio ao
INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS
atendendo ao traballo intenso, fructífero que este colectivo desenvolveu nestes últimos tempos en favor da cultura galega a partir das súas investigacións interdisciplinares na vella Terra de Turonio.
Do que dou fe.
Xosé L. Méndez Ferrín
En Compostela, 24 Maio 2009
Actualizado: 25/05/2009 18:57
A DEMOCRACIA ESPAÑOLA NON É SÓ A FISCALÍA DO ESTADO
Ante a ilegalización da candidatura Iniciativa Intenacionalista, que tiña previsto concorrer ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo, as Redes Escarlata queren deixar constancia do seguinte:
1.-Aínda que a nosa militancia pertence a diversas opcións políticas, consideramos boa nova o artellamento dunha candidatura que defende a autodeterminación desde posicións inequívocas de esquerda.
2.-O Estado marcou no seu horizonte a eliminación física de calquera ideoloxía hostil á monarquía constitucional. Nese proxecto común do PSOE e do PP quedan significativamente dentro da legalidade -así o advertimos no seu momento ao denunciarmos a Lei de Partidos- as organizacións ultradereitistas de signo xenófobo, nazi, católico, etc.
3.-A resposta contra este novo esmagamento das ideoloxías que España desexa expulsar da libre confrontación nun proceso electoral non debe vir só das propias institucións europeas, senón dos partidos, sindicatos e plataformas que se din democráticas. De non se dar unha inmediata reacción por parte do resto do espectro político galego, coidamos que no futuro será realmente difícil evitar a sospeita de que o silencio e a insolidariedade sirvan outro amo diferente do que, unha vez máis, criminaliza a defensa da autodeterminación e do anticapitalismo.
Saúde e República
Compostela, 15 de maio de 2009
Actualizado: 17/05/2009 11:04
VI PREMIO VIDAL BOLAÑO
As Redes Escarlata convocamos a VI edición do Premio Vidal Bolaño para teimarmos na acción periódica de recoñecemento do labor e da traxectoria de persoas ou colectivos que, na nosa opinión, merecen representar os idearios da Comuna e os da República Galega, que son basicamente coincidentes. E tamén unha homenaxe persistente á memoria de Roberto Vidal Bolaño, un berro estridente e decidido contra o silencio e o esquecemento que veu a instalarlle un velo á súa figura, á súa obra e ao seu compromiso despois da súa morte. Porque o sabemos vivo.
O Xuri desta VI edición do Premio Vidal Bolaño estará composto por:
X. L. Méndez Ferrín
Belén Quintáns
X. Antón L. Dobao
Carme Hermida
Xosé Henrique Costas
Xurxo Martínez
Elvira Riveiro
X. A. Laxe Martiñán
O prazo para achegar candidaturas ábrese ata o día 10 de abril deste ano 2009 e calquera persoa, sexa membro ou non das Redes Escarlata, entidade ou colectivo pode facer chegar as súas propostas mediante correo electrónico no enderezo redesescarlata@redesescarlata.org.
Bases do Premio Vidal Bolaño 54 kb pdf
Actualizado: 25/03/2009 17:35

Subvencionado pola Presidencia da Xunta de Galicia.
Secretaría Xeral de Política Lingüística
