A (RE)EMERXENCIA DA LINGUA GALEGA ( e VI): A “olorosa pantera” e a lingua ausbau galega
Francisco Fernández Rei
O galego verbo do portugués non é lingua abstand, porque a distancia estrutural entre ambos é escasa, especialmente cando se comparan falas de puntos próximos nas dúas beiras do Miño ou da raia seca; pero si é unha lingua ausbau: o galego moderno é lingua independente do portugués moderno fundamentalmente por razóns sociolingüísticas e literarias, porque é o soporte dunha moi digna literatura que tanto contribuíu á configuración da actual identidade socio-cultural de Galicia.
O galego hoxe é unha lingua á parte do portugués por un proceso de elaboración desde hai máis de 150 anos, elaboración en boa parte acadada, aínda que ese proceso realmente non vai rematar nunca. E isto é así porque desde o Rexurdimento de mediados do séc. XIX os escritores usaron moi conscientemente o galego –e non o portugués– para ir construíndo con el unha lingua de cultura que fose o principal sinal da identidade de Galicia; e nesa elaboración o portugués tivo un destacado papel, sobre todo na descastelanización léxica e, en maior ou menor medida, no arrequecemento do léxico culto. Paréceme pouco axeitado falar hoxe dun único “diasistema” que englobe o galego e o portugués, entre outros motivos porque o diasistema defíneo ben unha lingua literaria, unha lingua estandarizada; pero desde este punto de vista o galego non pertence ó diasistema portugués nin pertencerá mentres o portugués non sexa a lingua literaria dos galegos, isto é, mentres Camões, Pessoa e Bento da Cruz non sexan escritores clásicos para os falantes galegos, e mentres Rosalía, Cabanillas e Méndez Ferrín non sexan autores clásicos para os falantes portugueses.
A socialización do modelo elaborado portugués, irradiado hoxe fundamentalmente desde Lisboa, fai que a escasa distancia entre os falares galegos e os setentrionais portugueses vaia engordiño aumentando e que no río Miño e na raia seca ourensá vaian concentrándose isoglosas de diversos fenómenos. Cando en 1971 Lindley Cintra publicou a súa coñecida Nova proposta de clasificação dos dialectos galego-portugueses, onde incluía os dialectos galegos cos portugueses sen dar ningunha xustificación sobre esa inclusión, nese traballo de hai case 35 anos víase claramente como nos dialectos setentrionais portugueses existían trazos comúns ós falares galegos, como a africada postalveolar xorda (grafía <ch>) e a inexistencia de fricativa labiodental sonora (grafía <v>) en formas como chave ou chove, o que aproximaba falares miñotos e trasmontanos á totalidade dos galegos. E falo de trazos que non obedecen obviamente á “castelanización” do miñoto e do trasmontano.
Hoxe a situación ó norte do Miño é a mesma de 1971, con mantemento desa africada e betacismo, mentres que para os os falares portugueses setentrionais iso xa forma parte da historia da lingua portuguesa, como se verá cando se publique o Atlas Lingüístico de Portugal (ALP), do que se rematou en 1999 todo o traballo de campo nos Azores e Madeira e no Portugal continental. Pola información verbal que obtiven das persoas que fixeron inquéritos no norte de Portugal (Manuela Barros, de Braga; Gabriela Vitorino, de Lisboa; e Luisa Segura, de Vila-Real de Santo Antônio), nos días en que percorrín con elas puntos galegos miñotos e arraianos das enquisas do ALP, hoxe só nalgunhas aldeas e en xente moi maior se mantén a citada africada, mentres que a labiodental sonora xa está por todas partes, aínda que moitos falantes cometan frecuentes ultracorreccións de /b/ e /v/. Na morfosintaxe aínda se rexistran en falares setentrionais trazos moi “galegos” como a forma verbal imos do presente de indicativo de ‘ir’ (e non a forma estándar vamos) e construcións como onde ides?, que co tempo se cadra acaba sendo sustituída por onde é que a gente vai? (ou para onde é que a gente vai?).
Que exista hoxe unha lingua elaborada galega e outra portuguesa non quere dicir que, en condicións normais, non se dea mutua intercomprensión. Desde o punto de vista da distancia estrutural poderíase falar dunha soa lingua, aínda que a conciencia xeral dos falantes e da gran maioría dos escritores que están a elaborala desde o Rexurdimento é que se trata de linguas diferentes, estreitamente afíns, pero diferentes. ¿Por que Eduardo Pondal, unha das tres coroas do Rexurdimento galego, e por que Castelao, a gran figura do nacionalismo socio-político da primeira metade do séc. XX escribían en galego (e non en portugués), cando probablemente soubesen portugués abondo como para escribiren nesta lingua irmá? ¿Por que Méndez Ferrín, o autor vivo máis relevante da nosa literatura, escribe en galego, cando no seu caso non me cabe ningunha dúbida de que ten coñecemento abondo de portugués como para redactar excelentes páxinas nesta lingua se realmente quixese?
A resposta para min está moi clara: Pondal, Castelao, Méndez Ferrín e tantos escritores e escritoras de onte e de hoxe andaron (e andan) á caza da “olorosa pantera” —como Il Dante Alighieri andou a buscala polos bosques de Italia antes de redactar a Divina Commedia—, á caza do arquetipo da lingua literaria válida para todos os galegos e para todos os usos da lingua, que non sexa a variedade de ningún lugar pero que calquera falante de calquera variedade, dun xeito ou doutro, se vexa reflectido nesa lingua de cultura, vehículo á vez dunha literatura nacional emancipada. En palabras de Méndez Ferrín (1999: 147), trátase “dun galego radical e puro, descolonizado de españolismos e, ao propio tempo, popular, útil para a comunicación da cultura moderna”.
A situación do galego moderno respecto do portugués non é algo insólito no panorama lingüístico e socio-cultural europeo, xa que é moi semellante á que se dá entre idiomas eslavos (o macedonio respecto do búlgaro, o eslovaco verbo do checo) ou entre idiomas xermánicos (o noruegués respecto do danés), todas elas linguas distintas por unha elaboración consciente, como o é o holandés respecto do alemán, tal como xa se indicou. Son linguas porque os seus escritores, os seus lingüistas, as súas institucións e as respectivas sociedades quixeron e queren que sexan linguas, a pesar da escasa distancia lingüística cun idioma veciño, distancia que, por outra parte, non é doado medir, mentres que o grao de elaboración pode medirse.