Galego de Asturias
Francisco Fernández Rei
As recentes declaracións de Xosé Luís Méndez Ferrín nas que pediu a oficialidade da lingua asturiana no Principado, agás na franxa eonaviega, para a que reclamou a oficialidade da lingua galega propia dese territorio, provocaron en Asturias un “cierre de filas en torno a la fala”, coas reaccións xa tópicas de antigaleguismo (e suposto anexionismo) que nada novo din do que se leva observando desde hai anos. O que nunca podía eu imaxinar é que nun xornal escrito en Galicia e dirixido, fundamentalmente, para información dos galegos se dese unha información nesgada e parcial, como se pode apreciar na reportaxe “Por la ruta d’A Fala” do suplemento Estela do Faro de Vigo (7-2-2008, pp. 1-4), que talmente parece escrito nun xornal de Oviedo para asturianos; e aínda así, en reportaxes semellantes feitos en Asturias teño visto máis pluralidade de enfoque da que aquí observo.
De entrada, resulta moi chamativo (máis ben provocador) que no pé de foto do comezo se fale de “ría del Eo”, cando os responsables do Faro de Vigo teñen que saber que ante a polémica do nome da ría o ministerio de Fomento dictaminou que é “ría de Ribadeo”, á vista da documentación histórica.
Entrevistan o presidente da asociación Xeira, que se creou en 1990 para defender que “en el territorio comprendido entre el Eo y el Navia se habla una mezcla de gallego y asturiano con unos rasgos que varían de un lado a otro”. Xeira naceu para denunciar a “galeguización desmesurada” da MDGA (Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca), fundada por eonaviegos en 1988 para opoñerse a unha posible transculturización, despois de o Goberno do Principado organizase cursos de lengua asturiana para enseñantes de la zona asturgalaica en 1986 nas vilas de Navia e A Veiga. Non se escoita nesta reportaxe a voz dalguén da histórica MDGA, pero si se critica, sen citala, esta asociación pioneira cando o presidente de Xeira di que hai anos “había un movimiento a favor del gallego en Asturias, pero fue perdiendo fuerza porque era muy radical”. Cómpre salientar que era un movemento a favor do galego de Asturias, non en Asturias, porque era xente asturiana quen creou e dinamizou a MDGA.
Entrevistan a José Antonio Fernández Vior, académico correspondente da Academia de la Llingua Asturiana para o Navia-Eo, pero non se entrevista a Carlos Varela Aenlle, académico correspondente da Real Academia Galega e responsable de Abertal, asociación eonaviega que editou o completo Informe Lingüístico sobre a Nosa Terra Eo-Navia (occidente de Asturias (2007) para contrarrestar o Informe sobre a fala ou gallego-asturiano [sic]" da Academia de la Llingua Asturiana (2006). Consonte co art. 1 dos seus Estatutos o obxectivo fundamental da RAG é o “estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego”, entendendo por tal o “propio de Galicia, así como as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)” (art. 4); por iso a RAG nomeou correspondentes destas comarcas estremeiras e tamén para o val do Ellas onde se emprega un falar esencialmente galego.
Infórmase da existencia de dúas revistas en galego-asturiano (Entrambasauguas da Academia de la Llingua Asturiana e Trabatel, desta vaise editar o 2º número), pero ignórase todo o publicado hai anos en galego de Asturias (a histórica Freita da MDGA e outras publicacións) e, sobre todo, ignóranse as novidosas e útiles escolmas de poesía (2007), prosa (2008) e teatro (2009) en galego do Eo-Navia, editadas pola Universidade de Vigo, onde se respecta a modalidade de lingua escrita dos autores antologados. E ignórase o inxente labor de Xoán Babarrro, autor da monografía máis completa sobre o conxunto das falas galegas de Asturias e editor no 2008 da obra completa do escritor de Taramundi Antolín Santos Mediante Ferrería, un dos epígonos do Rexurdimento galego.
No seminario asturianista Les Noticies publiquei no 2004 un artigo no que preguntaba: “¿Alguén pode demostrar que nos concellos de Santiso e Taramundi, nas parroquias de Abres e Guiar (A Veiga) e Os Coutos (Ibias) e na localidade da Trapa (Santalla de Ozcos) non se fala a mesma variedade galega das falas de Lugo veciñas? ¿Alguén pode demostrar que en Grandas de Salime (Asturias) non usan un galego similar ó de Negueira de Muñiz (Galicia)?” Sigo agardando que os que negan a existencia do galego de Asturias e prefiren falar de Fala, astur-galaico ou gallego-asturiano respondan esas preguntas.
Na maior parte do Eo-Navia emprégase unha fala que, como ben dicía Dámaso Alonso para os Ozcos, “tiene algunos rasgos en común con el asturiano, pero es fundamentalmente gallega, un dialecto del gallego”. Non se pode afirmar que no Eo-Navia hai unha lingua de transición (¿unha lingua que non é galega nin asturiana?), un suposto híbrído de galego e asturiano, como tampouco se podería dicir semellante cousa para as falas de Valdés, Tinéu ou Cangas por máis que presenten abundantes trazos comúns co galego veciño. As falas do Eo-Navia son variedades do galego oriental e as segundas sono do asturiano occidental.
Cuestión ben diferente é a política lingüística para aplicar na comarca, que ninguén discute que ten que ser o Principado de Asturias quen debe facela. Con todo, o que ocorre no Eo-Navia non nos é alleo ós que en Galicia vivimos e queremos vivir en galego, porque temos como Patria a lingua galega onde queira que se fale. Os galegófonos do Eo-Navia contan coa simpatía de quen en Galicia traballa pola normalización do galego, igual que quen en Portugal traballa polo uso e a codificación da variedade asturiana de Miranda do Douro goza da total simpatía do asturianismo.
Remato cunha referencia á edición en asturiano dunha escolma de relatos de Méndez Ferrín (Doce cuentos, Oviedo, Ed. Trabe 1993), onde manifestaba a esperanza “de que l’odiosu malentendíu se desfaiga y la causa de la nación llingüística asturiana, que ye la razón llingüística nacional, s’acomode a la nación y razón reales sabiendo que la llucha de los asturianos gallegos de la duce tierra britónica occidental –A Nosa Terra, llámenla ellos– ye una mesma llucha y la so esperanza la esperanza de toos”.
Defensores do asturiano, da lingua de transición eonaviega, do galego-asturiano e do galego de Asturias falemos e superemos prexuízos. Traballemos xuntos –sei que non é tarefa nada doada– para que as dúas linguas autóctonas acaden algún día unha “digna” oficialidade no Principado. A sorte do galego de Asturias e do asturiano corre parella unha da outra, porque a loita é a mesma.