Á páxina de inicio das Redes Escarlata

MANIFESTO POLA LEMBRANZA DO 50 ANIVERSARIO DA COROACIÓN POÉTICA DE CABANILLAS NO ESPOLÓN DE PADRÓN

As Redes Escarlata, xuntamente cun grupo de poetas da Terra de Iria e de Cambados, non quere deixar pasar por alto un acto tan relevante na historia da resistencia antifranquista, na historia das primeiras luces contra a noite do fascismo. En 1958 aínda era preciso pedir autorización para falar en público e, especialmente, para facelo en galego. Mais un grupo de resistentes republicanos e galeguistas de Padrón, desafiando o estado das cousas, lograron a través da poesía, da palabra, da cultura, erguer un subliminal pero moi potente fito para a resistencia que ficou para sempre, non só na memoria local de Padrón e da Terra de Iria, tamén na historia política de Galicia.

Na Páscoa de 1957 (festa maior na vila), co carto da emigración padronesa no Uruguai e na Arxentina, inaugurárase o monumento a Rosalía de Castro, en pedra da escola de Asorey. O acto convocara, arredor deste xesto cara a poeta nacional galega, unha multitude famenta. Tralo éxito, o núcleo resistente de Padrón, liderado en boa medida por Camilo Agrasar, Borobó e Octavio San Martín, quixo repetir. Organízanse entón concursos literarios, chámase a Alonso Montero para o pregón e preténdese a coroación poética de Ramón Cabanillas, a vedraia figura insigne, no mesmo escenario, de novo ó pé da estatua de Rosalía. Nos concursos achamos gañadores como Rey Romero, Máximo Sar ou González Alegre. Unha coroación, xa en 1958, resultaba anacrónica. E a figura velliña e ensumida de Cabanillas, que aínda así por patriotismo acudiu ó acto, non convidaba a ningún tipo de esplendor. Pero no Espolón de Padrón a multitude famenta, aínda máis numerosa có ano anterior, volveu persoarse ansiosa. E as autoridades e diferentes convidados, tamén: o Gobernador Civil, alcaldes de Padrón e Compostela, o Abade de Samos (desta volta non asiste Quiroga Palacios).

Introduce o acto Pedret Casado. Fala, en castelán, da obra de Cabanillas. A xente vaise xuntando. Colle agora a palabra Aquilino Iglesia Alvariño para recitar un longo poema dedicado ó “poeta da Raza”. Alta, limpa coma o trigo limpo, elegante, a voz de Aquilino edifica un discurso excepcional sobre o oficio do poeta na sociedade que remata con estes versos:

“Pero aquí está o Poeta das aradas leves do soño,
noso irmán o Poeta das boas novas.
Na ribeira onde se fan os barcos ledos dos soños que non morren,
o seu canto arbora claras bandeiras no mencer”.

A xente apíñase aínda máis en torno ó estrado. Periga o cordón de seguridade cos meniños alí dediante algo abafados. E agora vai falar Otero Pedrayo, na vez de Montero Díaz, que era quen figuraba no programa aprobado polo Goberno Civil. O Sar caudal das chuvieiras longas de inverno non ten a forza desta gorxa. As voltas do río de Padrón, pola veiga de Iria abaixo, son escaso repertorio á beira deste discurso improvisado de media hora. O mar de Corrubedo non brúa nas noites de trebón como agora nesta tarde de primavera brúa no Espolón a voz de Otero. A xente, pampa, despois do asombro e diante da entrega, interrompe o orador con entusiastas aplausos. O seu galego é o de todos e é intensamente literario. Arredor de Rosalía, da Páscoa e de Cabanillas, Otero fala de Galicia, a palabra máis repetida de todas, e ás veces ben afouto:

“Por eso Rosalía é a nosa poeta, por eso Rosalía é aquela que vive dentro do corazón de cada xente e entre o corazón de todos. Nesta Galicia que é áspera, que é dura, que non é a Galicia das tarjetas postales para pasar o verao despois dunha boa digestión, e ver salir as barcas pescantinas con que veñen os turistas. É a Galicia dos pastores, a Galicia dos labregos, a Galicia das lareiras, a Galicia dos poetas, a Galicia dos que sufren, a Galicia dos que esperan”.

Si, esta palabra ponnos de novo no camiño da esperanza. E velasaquí están, unha a unha, elo a elo, as xeracións da Galicia Ceibe: Rosalía de Castro, pedra ergueita e luminosa presidindo todo, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, os mozos (estes das Festas Minervais: Ferrín, Franco Grande…) ós que acaba de aludir Otero…

As Redes Escarlata queremos facer memoranza deste acto, renderlle homenaxe ós seus protagonistas e ós seus artífices. Por iso o día 12 de abril, ás 8 da tarde, estaremos no Espolón de Padrón, de novo ó pé de Rosalía, e a nosa voz saudará novamente a Cabanillas e volverá decer que Galicia non é unha tarxeta postal e, cando escoitémo-lo final do discurso de Otero, berraremos con el “¡Terra a nosa!”.

Galicia, 8 de abril de 2008

Actualizado: 13/04/2008 11:53

Manifesto das Redes Escarlata sobre a Constitución Española de 1978

Hai 25 anos, no referéndum de 1978, entre a abstención (PGP, PSG), o non (BN-PG) e o voto en branco (POG), a esquerda nacionalista mostrou a súa oposición, un desacordo histórico, á Constitución Española. En Galicia só votou si o 44,69 % do censo.

Hai 25 anos o conxunto da esquerda nacionalista non quixo apoiar un texto que procalamaba a Monarquía na figura de Juan Carlos de Borbón e negaba o dereito de autodeterminación.

Hai 25 anos o estado social e aconfesional que figuraba na letra do texto foi correctamente interpretado como fume pola esquerda nacionalista galega.

Hai 25 anos a esquerda nacionalista entendía que a Constitución Española non era máis que unha estratexia para lexitimar o fascismo como período histórico de refundación do poder da burguesía e do control capitalista.

Hai 25 anos a esquerda nacionalista denunciaba a "Carta Magna" coma un Punto Final que impuña o esquecemento dos crimes fascistas e lle botaba terra á memoria das nosas vítimas.

Hai 25 anos boa parte da tradición de loita antifascista de obediencia española traizoou o común ideario rupturista e pactou a supervivencia e a reacomodación do Réxime franquista. O antifascismo galego non.

Hoxe, o partido no poder, directamente herdeiro da Ditadura, utiliza a Constitución como unha arma contra calquera tipo de avance político na configuración do Estado. E aínda non limpou de nomes fascistas rúas, hospitais e escolas

Hoxe, os "constitucionalistas" son os que negan a democracia e o diálogo.

Hoxe, máis que nunca, sentimos novamente os cinguidos vínculos que aínda atan o fascismo coa Monarquía, acubillo do feroz nacionalismo español.

Hoxe, máis que nunca, non somos cidadáns: somos súbditos

Hoxe, o poder xudicial non é independente do político e prohíbense partidos e péchanse publicacións cunha coordinación obscena e delatora. Investígase a Nunca Máis: o Fiscal Xeral mete medo.

Hoxe, aínda hoxe, o Estado Español é de oferenda apostólica e procisión. E hai políticos que tragan. Non, non é laico.

Hoxe, cun descaro insultante, os medios de comunicación públicos -e os privados- non están para informar: terxiversan, censuran, ocultan. Son férreo instrumento, repugnante propaganda do poder.

Hoxe coma antes, gobernan as diferentes oligarquías, os ditados imperialistas estadounidenses, a Igrexa Católica, que mantén os horrorosos símbolos fascistas nas parroquiais... Gobernan os alleos ós intereses básicos da clase obreira.

Hoxe, cunha impúdica profusión -"sen complexos"- ondean na rúa Génova as mesmas bandeiras, as mesmiñas, que ondeaban hai máis de 25 anos na praza de Oriente.

As Redes Escarlata chaman á esquerda nacionalista para que recupere o seu pensamento crítico e radical contra os fundamentos da Constitución Española.

As Redes Escarlata denuncian que o edificio e a cariátide permanecen.

As Redes Escarlata chaman a non abdicar dun horizonte de liberdade MÁIS ALÁ deste posfranquismo que nos deron.

As Redes Escarlata farán sempre memoria de Bóveda e Moncho Reboiras e de tódalas vítimas do terror fascista.

As Redes Escarlata, hoxe, igual que hai 25 anos, considéramonos herdeiras dos principios republicanos, laicos e igualitarios que moveron o galeguismo desde os vellos precursores a Castelao.

Por iso seguimos estando, con Manuel Antonio, pola futura República Galega.

As Redes Escarlata en Galicia, 6 de novembro de 2003




Actualizado: 06/11/2003 18:17

Espindo palabras na Casa Encantada

Ao primeiro foron as palabras. Vivían na rúa, espidas, e un bando de cabróns achegáronse a elas e pedíronlles os papeis. Como non tiñan papeis, mandáronas prender, unha a unha, vestíronas con roupas que alguén tecía para eles e fóronas metendo en casas sen portas nin ventás. Elas miraron de protexer algunhas pertenzas, sobre todo as cousas que as palabras queren dicir, e non o que o bando de cabróns queren que digan. Tiñan outros proxectos para elas.

Primeiro, sacábanas, pero non para que lles dera o aire ou visen a luz, non, paseábanas con fachenda, como para aprendernos que as palabras levaban o corazón bordado na roupa, que non lles latía no interior. E así veu o peor, pasearon, por exemplo, a liberdade, e a xente creu que eran uns anuncios que pegaban uns anos si e outros non con cola barata nas paredes, con señoras e señores rindo e dicindo que a partir dese momento todo iría moi ben.

Seguiron por mocidade (esa paséana moito) e por cultura. A primeira metérona en anuncios marcando paquete e gastando cartos todo o día. Se un se fía agora desa palabra vai de cu, acaba bebendo refrescos sen ter sede e morrendo nos hospitais porque non se parece aos tipos e ás tipas que encerraron no anuncio. A outra, a de cultura, ui, non che digo: desaloxaron a definición da vida, dos libros e das páxinas gratis de Internet e plantaron alí un bloque de pisos que vale non sei cantos millóns. Os pisos de arriba son máis caros que os de abaixo, pero cada vez que pronuncian a palabra, non me digas por qué, pasa sempre isto: un mamalón a soldo tira un talonario do peto, chaman a televisión e poñen roupa carísima.

Ben, podíamos poñernos a chorar todos e a facer manifestos dicindo que estamos en contra, e a mirar de cambiar os cabróns de sitio para que viñesen outros cabróns. Pois non, mira: ao final vimos que o mellor era espir outra vez as palabras. Pareceunos moi boa idea iso, tanto que das palabras pasamos aos feitos, e dos feitos ás casas nas que as tiñan presas. Empezamos por pouca cousa: poucas casas, poucas palabras. Cando gañamos unha nova facemos unha festa e abrimos portas e ventás para que entre tamén o aire. Limpamos todo de xiringas usadas, de especuladores e dos bichos que atacan a madeira. Leva o seu tempo.

En Compostela conquistamos a Casa Encantada, xa hai moitos anos disto. Fixeron igual ca nós os do Labo e o Puntal de Madrid, as do Can mas Deu en Barcelona, a xente da Nave Ocupada en Sevilla, e así. Nós tamén ocupar.

O que pasa é que o alcalde de Santiago, que axudara a erguer os muros das casas nas que confinaran as palabras “esquerda” e “socialista”, e vivía como cristo nelas, botounos. Largou para a rúa dezaseis colectivos. Ampliando colección, sabes. Negociou cunha constructora a cambio de prazas de aparcamento e ala, fóra todo o mundo. Agora van derrubar a casa para forrarse de diñeiro e así comprar máis casas para meter máis palabras. O Diñeiro ocupará o sitio onde viviamos nós, tan tranquilamente. Nós volveremos okupar o sitio do Diñeiro, onde poidamos, para espir máis palabras, para abrir máis portas á rúa e que entre máis aire, e que haxa máis festas.

Na realidade os que ocupan ilegalemente son eles. Nós abrimos portas e ventás en casas abandonadas e dámoslles aire a palabras compradas polos ricos, recuperámolas: por exemplo, concello, que significaba algo así como “asemblea”. Puxemos a palabra preciosa, pero antes houbo que largar de alí moito facha e moito mangante. Temos estas en obras: embaixada, América, parlamento, fábrica, campo, riqueza, soberanía... Varias así. Mentres, desde a ventá, vémolas pasar aínda vestidas. Seguen no seu: formar a xuventude, informala e entretela. Como vedes, esas palabras aínda escorren merda por todos os sitios.

Nós tamén ocupar: ocupar o país para construír a República. En cada proxecto autoxestionado, contra a represión.


Soa ben, ¿eh?

Todo isto que levamos dito aquí naceu esta semana, na nova casa que atopamos. Naceu entre os buratos do voso muro, alcaldes da construcción. Andamos espallando semente por eles, sumamos brazos. Espimos palabras.

 

As Redes Escarlata en Galicia, Xullo 2003



Actualizado: 01/07/2003 18:16

MANIFESTO POLOS DEREITOS DOS/AS GAIS, LESBIANAS, BISEXUAIS, TRANSEXUAIS E HETEROSEXUAIS (GLBTH)

Non renunciamos ós principios inalienables que constitúen a verdadeira democracia (ata o fondo, subversiva, progresista): o dereito á igualdade real, a xustiza, a fraternidade e a liberdade das multitudes. Corpos anhelantes e aberrantes nos disturbios do Stonewall o 28 de xuño de 1969.

Porque sempre escolleremos a posibilidade de vivir todas as descubertas, o pracer e o desexo non coutado; e perante o silencio das organizacións políticas e sociais do noso país, as Redes Escarlata defendemos os plenos dereitos dos colectivos de gais, lesbianas, bisexuais e transexuais. 1. De cerca, tod*s somos rar*s

2. Somos gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais
Non comprendemos que os nosos movementos acaden a liberación se non é a través da esquerda, o nacionalismo e a república.

3. Esiximos a equiparación plena de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais
Como son o dereito á adopción, dereito ás pensións conxugais, usufructo de bens gananciais, etc. Revindicamos o matrimonio civil, como estratexia da equiparación, anque o consideramos unha ferramenta de control social de xénese heteronormativa

4. Nosoutros e nosoutras xeramos coñecemento sobre o nós. Nosoutros e nosoutras somos suxeitos do noso propio discurso
Rexeitamos a identidade heteronormativa predominante e rexeitamos os seus conceptos

5. Temos a nosa cultura, a nosa identidade
Entendemos que a sexualidade é un feito cultural e político, e que a orde heteronormativa é unha imposición opresiva que nos afecta a todos e a todas. Dende este punto de vista construccionista, consideramos os termos opositivos heterosexualidade/homosexualidade unha táctica máis de normativización e control social

6. Denunciamos as políticas persuasivas e mercantilistas do capitalismo que se apropian da nosa cultura (nada no exilio e na marxinación social) para conseguir beneficios económicos, converténdonos en mercado e mercadoría para nosoutros e nosoutras mesmos/as

7. Reclamamos a inclusión do feito gai, lesbiano, bisexual, transexual e heterosexual como contido transversal do noso sistema educativo

8. Boicoteamos todo proxecto social e político que non nos inclúa explicitamente.Estamos a favor da visualización pública non voluntaria (Outing) como ferramenta de presión social contra a hipocrisia dos e das representantes políticos que propicien medidas sociais contrarias ós nosos dereitos e liberdades

9. Somos laicos/as
A nosa loita é frontal contra calquera secta ou crenza relixiosa que agrida a nosa liberdade e dignidade con políticas homófobas, lesbófobas, tránsfobas ou sexófobas

10. Non somos igualitaristas porque consideramos que non temos, nin tivemos, as mesmas oportunidades que o resto dos colectivos sociais
Solicitamos políticas correctivas baseadas na discriminación positiva

11. Denunciamos o machismo e todos os actos de violencia que implica
como a violencia de xénero ou condición ou como calquera outra das súas manifestacións

12. Condenamos aqueles gobernos, sociedades e individuos que, de forma explícita ou non, perseguen, encarceran ou asasinan as persoas pola súa condición sexual

13. Loitamos contra calquera acto ou opinión de carácter homófobo, lesbófobo, ou tránsfobo vertido en calquera ámbito, tanto público como privado, do noso contorno mediático

14. Pedimos responsabilidades políticas polo asoballamento secular ó que estivemos e estamos sometidos/as

15. Estamos abertos/as á colaboración internacional
Apoiamos os grupos de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais que concorden cos puntos anteriormente expostos

Dispoñémonos a esculcar a forma na que o desexo empreña a nosa personalidade. Outra sociedade é posible

As Redes Escarlata en Galicia, Xuño 2003



Actualizado: 03/06/2003 18:15

Verbum: acientifismo e discriminación

As Redes Escarlata, por teimarmos que nada do noso tempo e terra nos pode ser alleo e por considerarmos que desde Galicia e desde a cultura e a lingua galegas se pode estar no mundo, alegrámonos de que se crease en Galicia, e concretamente en Vigo, un museo virtual da palabra como o Verbum

Mais, por unha banda, a falta de rigor científico observable en certos contidos, que en moitos casos poden provocar confusión; a discriminación que se fai dos productos culturais e editoriais galegos de innegable utilidade nun museo coma este, e, por último, a discriminación da lingua e da literatura galegas , que aparecen en total subordinación ó español, lévannos a decer que este non pode ser o museo da palabra soñado por calquera persoa culta, sensible e respectuosa con este país e con este tempo, polo que esiximos que, canto antes, se corrixan as eivas que máis abaixo pasaremos a referir a xeito de resumo e outras eivas semellantes.

Moi probablemente, os galeguistas que forman parte do Comité de Expertos nada tivesen que ver na elaboración dos contidos e no desequilibrado resultado final que se nos presenta no Verbum estes días. Estamos seguros de que se eles fosen efectivamente consultados moitos erros detectados non se chegarían a producir nunca. Así e todo, a presencia do seu nome nese Comité non pode servir para acalar as críticas que a entidade ou o seu labor merecen ou poidan merecer. Así mesmo, denunciamos a ausencia neste Comité de Expertos de científicos de solvencia no eido da investigación lingüística e da traducción, dos que afortunadamente temos bos exemplos nas universidades galegas.

Constatamos que nestes días se están a corrixir eivas detectadas pola comunidade científica da Universidade de Vigo, que deu a voz de alarma perante a desfeita conceptual que ofrecía este museo nos seus inicios; pero pedimos que se corrixan xa, no menor prazo de tempo posible, tódalas carencias e desacertos que aínda se poden ver no Verbum, porque este museo está chamado a ser visitado e gozado por todo tipo de público, especialmente por escolares que non poden ser inducidos a confusións e, menos aínda, non debe visualizárselles unha cultura e unha lingua galegas discriminadas e secundarizadas.

1. Falta de rigor científico a) É de lamentar a mestura de autores dos sistemas literarios español e galego , o que fai que o sistema galego pareza unha parte integrante e dependente do primeiro. Os autores de nacemento galego aparecen mesturados dando a impresión de que todos escribiron nas dúas linguas ou que tiveron importancia nas dúas. E isto non é así para nada: “Galicia ten sido berce de notables autores literarios, tanto en galego como en castelán., Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán....” Pardo Bazán nada escribiu en galego, e Valle en galego só escribiu un poema. O apartado da literatura semella ideado e redactado por alguén totalmente alleo á cultura galega e nada informado da nosa realidade literaria. Non hai literaturas bilingües .

b) No mapa lingüístico do idioma galego confúndese Galicia administrativa con territorio lingüístico galego, co agravante de que están mal representados os tres bloques lingüísticos (a ribeira occidental do Eo aparece no bloque central, o bloque occidental está sobredimensionado cara ó leste, etc). Parécenos moi positivo que se teña en conta que o galego tamén se fala fóra da Galicia administrativa, pero hai erros de precisión xeográfica ó situar en Lugo e Ourense puntos de León ou Zamora. Debe quedar claro –e con mostras orais- de que tamén se fala galego nas comarcas estremeiras do Eo-Navia (Asturias), Bierzo Occidental (León) e As Portelas (Zamora), e tamén que existe un galego arcaizante no Val do Río Ellas (Cáceres).

c) A terminoloxía de tipoloxía lingüística é incorrecta e induce a confusión. Preséntanse como linguas variedades lingüísticas (boliviano, chileno, etc.); desígnase co xentilicio dun estado (indio, indonesio) o nome da lingua oficial; empréganse denominacións moi cuestionadas e en desuso (lejítico) ou simplemente erradas e confusas (africano por africáner), etc., etc.; fálase de idioma “chinés” pero logo non se pode oír o “chinés”, senón gravacións de frases en mandarín e cantonés, etc. Todo isto provoca confusión e pode inducir a unha aprendizaxe errada e deformadora.

d) A visión das linguas do mundo é eurocentrista , pois nada se di nin informa das linguas amerindias, africanas, polinésicas, etc., unicamente se presentan as linguas indoeuropeas e, en moita menor medida, algunhas asiáticas.

e) Que se saiba, os petroglifos galegos non son representacións escritas de lingua ningunha, polo que non se poden expoñer como exemplo de sistema de escrita, senón que se trata de representacións simbólicas de difícil e controvertida significación.

f) Ademais da falta de rigor e cientifismo, obsérvase un absoluto desleixo cando á par ou debaixo de moitos textos e poemas (de Celso Emilio Ferreiro, Chus Pato, Gonzalo Navaza, etc., etc.) non figuran nin as obras das que están tiradas nin os autores. A partir da denuncia dos profesores da Universidade de Vigo comezáronse a corrixir estas eivas, pero aínda se aprecian ausencias e mesmo erros gramaticais na reproducción dos textos. O mesmo se podería dicir do aproveitamento total ou parcial de informacións ou estudios, cando os especialistas detectan perfectamente a procedencia pero o museo non indica autoría da información fornecida.

2.- Discriminación de productos culturais galegos a) Os contos infantís que se poden escoitar son unicamente en castelán , co que se manifesta unha total ignorancia do feito en Galicia desde hai moitos anos. Véxase a serie de Edicións Xerais Vouche contar un conto (contos infantís nas voces de Bernardino Graña, Sabela Álvarez, etc., etc.; ou os contos tradicionais editados en libro e casette por Edicións do Cumio na serie Contamoconto (A bela e a besta, O libro da selva, O gato con botas, Os tres porquiños, etc., etc.,); ou o precioso libro A memoria das árbores, editado por Kalandraka e a Orquestra Sinfónica de Galicia, con música de Marcial del Adalid, texto de Xosé Neira Cruz e ilustración de Kiko Dasilva (libro + CD) e outros productos semellantes desta editora pontevedresa especializada no mundo infantil.

b) A ausencia nos libros relixiosos da edición galega da Biblia , da Editorial Sept, traducida directamente de grego, arameo e hebreo ó galego e que obtivo en 1990 o Premio Nacional de Traducción.

c) A ausencia nos libros prohibidos da magnífica edición da Divina Comedia en traducción de Darío Xohán Cabana e editada pola Xunta de Galicia, cando se presentan dúas edicións en español desta obra de Dante. A traducción deste escritor galego mereceu en 1991 a Medalla de Ouro do Concello de Florencia, a proposta da Società Dantesca Italiana.

d) Moi cativa presencia dos productos editoriais e audiovisuais galegos , o que dá unha impresión pobre e raquítica da fortaleza deste sector dentro do mundo cultural galego. A pesar da exposición, cativa tamén, sobre Vigo como centro do mundo editorial galego, a sensación xeral que dá o Verbum é o da invisibilidade de productos galegos de gran calidade existentes no mercado.

3.- Discriminación da lingua galega a) Na explicación de cada letra dedícaselle unha liña en galego e alomenos seis en castelán, cunha explicación máis completa e rigorosa.

b) Para as definicións sempre se acode ás definicións do diccionario da Real Academia Española , marxinando totalmente o diccionario da Real Academia Galega e outros productos lexicográficos recentes de alta calidade. Baste como mostra sinalar que nun panel se cita a definición de “retintín” dada pola RAE e logo cópiase isto literal en español no panel en galego, sen traducir no seu equivalente “retranca” nin citar a definición da RAG.

c) Apartados enteiros coma o de comunicación animal, xogos de mesa con palabras, árbore xenealóxica das linguas europeas, etc., só aparecen en español .

d) Como mostra de xornal en galego aparece Faro de Vigo en español.

e) A onomástica só se pode consultar a partir do español . Se alguén se chama Breixo ten que buscarse por Verísimo, e se alguén se chama Iria o seu nome non aparece.

f) O encrucillado xigante en galego é irresoluble , o castelán non. Nos diarios de Galicia pódense achar doadamente bos encrucillados da autoría de Paulino Novo e Darío Xohán Cabana.

g) ...

4.- Subordinación da lingua galega. a) Esquizoglosia bilingüe-1 : É deplorable que o galego apareza en moitas ocasións ó lado ou debaixo do texto en castelán, subordinado, dependente, subsidiario do castelán. Iso denota unha concepción desprezativa da única lingua natural de Galicia.

b) Esquizoglosia bilingüe-2 : É absolutamente innecesario e incomprensible o bilingüismo almacén/almacén, administración/administración, televisión/televisión, rotativa/rotativa, etc., que aparece ó longo de todo o museo. Non se trata só de algo semellante ó anterior, senón que representa un insulto á intelixencia dos castelán-falantes, ós que se cre incapaces de comprender o significado de caixa, indicador, abaixo, escribe, etc

5. Erros no galego empregado. Detéctanse nos paneis explicativos, vidreiras e pantallas erros de acentuación, castelanismos morfolóxicos (arte vivo por arte viva, introduzcas por introduzas, etc.); castelanismos léxicos; consideración do arcaísmo e dialectalismo mao (por malo) como forma popular e vulgar ó mesmo nivel ca pra ou tou (módulo S: “Comer palabras”), etc., etc., do que se deduce precipitación e graves carencias gramaticais e conceptuais no galego alí reflectido que inducen frecuentemente a erros.

O castelán empregado é sempre correcto, o galego presenta erros, que urxentemente cómpre corrixir, para non seguir dando a impresión de que en galego todo vale.

6.- Falta de sensibilidade a) A redacción do módulo dos xordos é ofensiva , non poden ser “xordomudos” porque mudos non son: falan coas mans. A consideración histórica que se tiña dos xordos sobra tamén por ofensiva. En xeral, este módulo resulta bastante desafortunado.

b) Ignórase totalmente a cultura literaria de expresión portuguesa , ó non apareceren por ningures escritores de Portugal nin de Brasil (Camoes, Pessoa, Amado, Guimaraes Rosa, Eça de Queiros, etc., ou o mesmo Saramago que está no “Comité de Expertos do Verbum”) pero si hispanoamericanos de expresión española. O Verbum, a 30 km de Portugal, debería ter en conta este feito para que os escolares e cidadáns portugueses que nos visitan tan a cotío non visen desprezada a súa cultura.

7.- Propostas urxentes de corrección e mellora: a) Introducción do galego como lingua por defecto en todo o museo, con posibilidade de xogar ou informarse en diferentes linguas (español, portugués, francés, catalán, euskera, inglés, italiano, alemán, etc.), facilmente realizable con programas informáticos.

b) Maior aproveitamento do museo para “consumo interno” : consulta toponímica, patronímica, onomástica, léxica, etc., a partir de bases de datos de toponimia, patronimia, onomástica e léxica galega, mediante programas implementables e mellorables periodicamente.

c) Maior presencia de árbores xenealóxicas, cartografía lingüística e audiomapas interactivos con moitas máis linguas (amerindias, africanas, polinésicas, asiáticas, australianas, etc.), pois este apartado peca de excesivo eurocentrismo ; exemplos escritos de moitas máis linguas (xornais, revistas, libros, etc.); posibilidade de consultar páxinas de libros “universais” en moitas linguas (O Principiño, O Pinocchio, O Capital, a Biblia, etc.).

d) Corrección de numerosas eivas técnicas que impeden xogar/aprender/ouvir en moitos dos módulos existentes.

e) Ampliación e mellor presentación do módulo do sistema de lectura táctil dos cegos ou braille: máis espacio, cada letra, etc.

f) No módulo das linguas do mundo aparecen uns tubos transparentes que conteñen figuriñas representando o número de falantes. O galego aparece o último cunha soa figuriña ó ser comparado co “indio”(sic), o inglés, etc. Outramente, sería interesante tamén poñer -en positivo- eses mesmos tubos co número de falantes do galego comparados cos do islandés, eslovaco, esloveno, lituano, letón, etc., linguas oficiais de estados soberanos, para que se vexa que o galego non é lingua de poucos falantes, que todo depende do punto de comparación. Esta concepción minoritaria e raquítica do galego é de grande e negativo impacto visual entre os visitantes, e deberíase corrixir.

g) Introducción de exemplos e audicións das falas gremiais galegas (canteiros, telleiros, cesteiros, paraugueiros, etc.), de textos de galego medieval (e doutras linguas), etc., etc.

h) Separación dos escritores por sistemas literarios : galego, castelán, portugués, etc. Valle-Inclán non é un escritor da literatura galega, como Méndez Ferrín non o é da hispanoamericana (española). Neste sentido é de lamentar profundamente a confusión á que se induce coa presentación actual.

8.- Remate: En xeral, e en moitos casos particulares, aprécianse uns contidos realizados desde fóra de Galicia sen ningunha sensibilidade e coñecemento do sistema cultural galego, lingüístico e literario, mesturando (ou integrando) o sistema galego co español, dando unha idea falsa de bilingüismo desequilibrado, onde a cultura galega é sempre B e a española sempre A, e ignorando totalmente a lingua e a cultura irmás portuguesas.

Seméllanos desconcertante que fose unha empresa catalá a que fixese este deseño museístico, pois ninguén en Cataluña ousaría seguir escribindo Lérida, Gerona ou Játiva (como aparecen no mapa virtual da toponimia peninsular), aínda que por outra banda aparezan catalanismos referidos ó nome dalgúns países europeos: Txecoslováquia podemos ler como país onde se fala o checo. Isto é aínda máis grave se incidimos na falsa información : desde hai unha década hai dúas repúblicas, a checa e a eslovaca, onde se falan cadanseus idiomas. A información que ás veces se transmite esta superada, máis ben parece o resultado dun refrito posiblemente aproveitado dun museo ou un sistema informático anticuado onde se empregarían tamén o catalán e o inglés, pois aparecen nomes de países como República Socialista Soviética (onde se di que se fala o ruso), USSR (onde se di que se fala armenio) ou Ukrania SSR (onde se di que se fala ucraíno).

Criticamos que a dirección do Verbum botase man duns “especialistas” de fóra cando hoxe en Galicia hai persoas, equipos e institucións perfectamente capacitadas para realizar un museo coma este, que non cometería tantos erros e, por suposto, que non ignoraría nin desprezaría productos culturais galegos de innegable calidade. O pecado de sempre: non confiar nos productos e nos equipos do país, pensar que só o bo pode vir de fóra.

Como remate, digamos que todo isto ten a súa repercusión na consideración ignorante que se ten da cultura galega, e concretamente da súa lingua e da súa literatura. Vexamos só un exemplo máis:

“Galicia ten sido berce de notables autores literarios, tanto en galego como en castelán., Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro ( quen tamén destaca pola súa obra en galego )...” Se Rosalía de Castro é coñecida, recoñecida, querida e admirada hoxe en Galicia; se Rosalía é hoxe unha figura da cultura universal é, fundamentalmente, pola súa contribución ó engrandecemento da literatura galega. Só alguén que non ten os pés, a razón e o corazón en Galicia pode redactar un parágrafo tan desafortunado. Esta cauda é toda unha declaración das intencións coas que se fixo este museo. Sobran comentarios.

As Redes Escarlata ó 18 de maio de 2003, Día Internacional do Museo. Ano de Antón Avilés de Taramancos.



Actualizado: 18/05/2003 18:12

EL LAPIZ DEL CARPINTERO

Denuncia dunha mentira



O día 21 de abril estreábase no Centro Social Caixanova a película El lápiz del carpintero. Para a nosa desgracia, ninguén dos responsables (Antón Reixa, Caixanova, Manuel Rivas) tivo a forza nin a decencia de plantarse e dicir: En Galicia, en galego.

O cinema galego constrúese sobre unha mentira. A da súa propia existencia. Entre o descoñecemento e o desprezo, puntos de partida e chegada do sistema audiovisual galego en relación coa literatura galega e coa lingua de Galicia, atopa terreo fértil o ocultamento.

A distancia que se abre entre o cinema feito en Galicia e o fondo argumental do noso sistema literario é un abismo insondable. Como en tantas outras cousas, camíñase a contrapé. Mentres tódalas cinematografías do universo recorren a obras e autores dos sistemas literarios propios, o campo audiovisual galego desfruta adaptando obras do sistema literario español. Nos casos esporádicos en que esta tendencia invasiva sofre interrupción, aí prende o ocultamento, esa falsidade cultural máis perversa có descoñecemento.

Esta é a práctica que nos sorprende e nos desacouga estes días coa estrea da película El lápiz del carpintero. Chamémoslles ás cousas polo seu nome. As enciclopedias do cinema universal nunca falarán dunha película que teña por título orixinal O lapis do carpinteiro: non existe. O filme que se estrea estes días, unha adaptación da novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro, arrédase á mantenta e con toda a conciencia de calquera relación co campo cultural galego ó escoller o castelán como lingua de rodaxe e de exhibición case exclusiva en Galicia. A penas dúas copias residuais dobradas ó galego destinadas á exhibición en salas menores. (¡Ollo! Seica en Ponferrada a xente de Fala Ceibe conseguiu que a estrea sexa en galego.)

Ata aquí, ningunha incoherencia respecto ó funcionamento canónico do audiovisual producido en Galicia. Un ano máis, a inercia do sistema non muda. Actualízase, pois, a vixencia do manifesto que as Redes Escarlata elaboramos en abril do 2002 co gallo dos premios Chano Piñeiro. A aposta cultural alleante, o rexeitamento da lingua galega, o uso residual de actores e actrices galegos para papeis de reparto ou de figuración, unhas condicións de traballo infames, etc. Fronte a iso, beneficio para as empresas privadas detraído da plusvalía xerada polo traballo asalariado sobreexplotado e tamén das subvencións públicas galegas. El lápiz del carpintero, por decisión libre e consciente dos seus creadores, fai parte da cinematografía española, non ten que ver con ningún cine galego. Nada lle imos apoñer a esa determinación, fóra de laiarnos doutra oportunidade perdida para que xurda un movemento fundacional de cinema galego.

Mais, neste filme, a ocultación vén a se inscribir na fraude intelectual e cultural. Cando ó espectador español, a quen vai dirixido o producto, se lle di nos títulos de crédito que a película está baseada na novela El lápiz del carpintero, Ed. Alfaguara, 1998, ocúltase a existencia da versión orixinal da novela, o feito de o seu autor ser escritor en galego maila propia existencia do sistema literario galego. E así cométese falsidade. Unha falsidade máis escandalosa cando esa mensaxe percorre Galicia enteira.

As Redes Escarlata nada podemos facer por restaurar os dereitos culturais dos espectadores, do autor e dos editores da novela, dos lectores. Só manifestar a nosa indignación. Sabemos que El lápiz del carpintero non vai ser un fito para a cinematografía universal, nin sequera para a española. Non nos preocupa. Dános lástima que unha novela da literatura galega non poida ser adaptada para unha película do noso sistema audiovisual. Dános lástima que siga sen existir cine galego. Dános lástima que a renuncia sexa unha consecuencia tan doada cando se produce o contacto material e simbólico co capital. Con esas lástimas podemos seguir vivindo. Confírmannos na necesidade de rexeitar a mentira ó redor do campo cinematográfico galego. Confírmannos na nosa reclamación pública, a mesma de hai un ano: que os poderes públicos e o ámbito audiovisual no seu conxunto asuman un compromiso real coa cultura, coa lingua de Galicia e co sistema literario galego. Para empezar, non estaría mal.

Agora tócalles ós responsables desfacer os agravios.

Redes Escarlata


25 de abril de 2003
Vintenove anos despois da Revolución dos Caraveis




Resposta de Antón Reixa

Co rogo da súa publicación adxunto as seguintes observacións ó texto sobre O Lapis Do Carpinteiro (Denuncia dunha mentira).

-Queden eximidos de calquera responsabilidade sobre os asuntos tratados nese texto Manuel Rivas e Caixanova. Pola súa parte, Manuel Rivas designoume a min como adaptador da súa novela ó cinema, renunciando a outras ofertas posiblemente máis sustanciosas en términos económicos e cinematográficos coa honrosa pretensión de que isto fose en beneficio do asentamento do sector audiovisual galego, amais diso, concedeume total independencia artística e empresarial para levar adiante o proxecto. En canto a Caixanova, cómpre remarcar que investiu a risco unha cantidade moi importante no proxecto que fixo posible xunto con outros investidores privados galegos que se mantivese a participación galega na producción (comparativa e proporcionalmente, "O lapis"” é a producción cinematográfica galega con menor aportación das institucións públicas galegas). Na miña relación profesional con Caixanova (que forma tamén parte do accionariado da compañía que dirixo, Filmanova) gozo de absoluta independencia artística e de xestión. Son eu, polo tanto, o responsable máximo en términos artísticos e executivos do filme. -Lingua de rodaxe.

Contra a miña idea inicial a lingua de rodaxe da película foi o castelán. A participación na produccción de dúas compañías españolas e dos canais de TV (Telemadrid, Antena 3 e Canal Plus) estivo condicionada a que a versión orixinal do filme fose en español. En términos estrictamente empresariais é altamente positivo que un proxecto concite tantos apoios, por outra parte, necesarios á hora de afrontar un orzamento de tres millóns de euros.

Nos últimos anos, a tendencia maioritaria en todo o mundo é a de filmar con son directo (a técnica ten avanzado moito) e o gusto máis estendido entre os públicos é o de consumir versións orixinais nas películas que entende como de producción local . Para o público español, o destinatario cuantitativamente maioritario e inmediato do cinema producido en Galicia, os nosos filmes son percibidos como "cine español". En términos puramente demográficos Galicia é un territorio cativo para soster por si mesmo coa explotación comercial en salas o finanzamento dun filme. Por outra parte, para que se produzan outras "vendas internacionais" é un hábito de mercado que unha película sexa estreada previamente e con certo suceso no territorio de orixe e no mercado internacional o territorio legal de orixe é España, non Galicia como tal.

Artística e tecnicamente a dobraxe é considerada senpre unha perda respecto ó son directo. Dobrar unha película implica todos os problemas que habitualmente conleva unha traducción literaria e ademais o da interpretación dos actores e o do son ambiente (que debe ser reconstruído). Nin a cinéfilos, técnicos, autores e actores (incluídos os galegos cando rodan en español) lles gusta a dobraxe.

Non é impensable un cinema producido en Galicia rodado en galego, pero iso é aplicable ou ben a produccións de moi baixo orzamento e dirixidas a un mercado marxinal ou ben cando contemos aquí con iniciativas e autores que gozen de tan alto prestixio internacional que previamente non necesiten da ratificación do mercado español (por exemplo, se existise alguén en Galicia equiparable a Almodóvar). Como en tantas outras cousas que afectan ós sectores productivos galegos á dependencia do mercado español é un factor determinante. Non me parece posible nin xusto que se me esixa a min (desde as miñas responsabilidades de productor e director) ou a todo o sector audiovisual galego superar por nós mesmos esa situación sen que outras coordenadas políticas, económicas e administrativas que están fóra de nós varíen sustancialmente.

Abondando nesta reflexión e non renunciando ó futuro, gustariame enunciar algúns datos referidos á producción de cinema no mundo. Existen catro grandes bloques de producción (non estrictamente "nacionais"): o cinema americano (hexemónico e que admite marxinalmente no seu seo as propostas do cinema independente que só acadan recoñecemento en Europa), o cinema indio (para autocosnumo exclusivamente, algo só posible pola grande cantidade de poboación de India), o cinema europeo (necesariamente transnacional) e o cinema latinoamenricano (moi incipiente e que se trata de abrir camiño entre Europa e o mercado latino estadounidense). Galicia inscríbese no cinema europeo ("O Lapis" ten participación minoritaria de Reino Unido e Portugal) e un dos problemas principais da producción europea (necesariamente transnacional) é a lingua de rodaxe ¿Cántos filmes se rodan en holandés, alemán, flamenco, sueco ou finés con repecusión internacional? Por iso non parece descartable un cinema galego no futuro do medio prazo multilingüe, en canto a lingua de rodaxe: en galego, en inglés ou en castelán. Quero dicir con isto que efectivamente os problemas de utilización do galego como lingua de rodaxe son derivación da situación diglósica (ou de bilingüismo desigual) do noso país pero tamén teñen que ver (e moito) coa problemática xeral do cinema europeo e da súa transnacionalidade que se constata incluso en linguas oficiais de estados soberanos dentro da UE. -Distribución da versión galega de O Lapis Do Carpinteiro.

Independentemente do dito anteriormente en canto á valoración artística do cinema en versión orixinal e dos detereminantes económicos para escoller a lingua de rodaxe, é totalmente insuficiente a distribución en salas de Galicia que se está facendo do noso filme. Neste sentido, eu agradezo, colaboro e adhírome plenamente á posición e accións da Mesa Pola Normalización Lingüística ou a xestión que estamos levando adiante cunha asociación berciana de defensa do galego que promove a exhibición da copia en galego da película. Penso que, cando menos, para que se cumpra o principio de igualdade lingüística que tan claramente expresa o principio de "En Galicia, en galego" cada espectador debería ter a posibilidade material de optar entre a versión galega ou a orixinal. O negocio da distribución é unha actividade moi diferenciada da producción e pouco podemos facer os productores neste sentido. O noso contrato de distribución é cunha compañía que xestiona os dereitos de explotación en todo o mundo e en todos os soportes e medios (TV, vídeo e DVD e salas en cada territorio). Para a distribcuión en salas no territorio español o distribuidor subcontrata a unha compañía coa que nós non temos un contrato directo, aínda que puidemos impoñer a obrigatoriedade de disitribuir en galego pero non o número de copias. Os distribuidores en salas non admiten habitualmente ningún tipo de obrigatoriedade en canto a número de copias (tampouco en español) por ser algo que deciden semanalmente cos exhibidores. Normalmente, os distribuidores españois de cinema en salas argumentan que os exhibidores (os donos ou xestores das salas) encontran rexeitamento nos espectadores polo cinema en galego. Creo sinceramente que é un tabú ou directamente unha mentira por iso o mellor camiño para vencer isto é a demanda colectiva de cinema en galego. -Emprego da versión orixinal na pre-estrea do filme en Vigo (21.04.03).

No mesmo día e lugar proxectouse en Vigo a película primeiro para medios de prensa e crítica (o habitual é facelo en versión orixinal), entre iso e certa confusión xerada polo desexo manifestado por parte do equipo técnico e artístico de ver a versión orixinal, cando se quixo dispoñer a copia en galego para o pase público da noite non se puido rectificar por falta de tempo. Pido publicamente desculpas porque o meu desexo era proxectar a versión galega, e moito máis, dada a relevancia social que acadou o acto de Vigo. -"Copyright" da obra literaria orixinal.

A xestión e representación dos dereitos de adaptación da obra literaria corresponde por contrato á Editorial Alfaguara, que actúa así como "representante" ou "axente" do autor e que ostenta no seu saldo positivo de xestión a traducción da novela a máis dunha ducia de idiomas. O contrato da producción con Alfaguara obrigaba a designar o título da obra e o ano de publicación en castelán, xunto co nome da editorial, posiblemente nun exceso de celo contratual ou atribuíndose mandatos que o autor non lle encomendara expresamente. Coñecedor Manuel Rivas disto e xa coa copia definitiva da película rematada, propúxome cambiar o contrato editorial para que o título da obra fose en galego, como era tamén o meu desexo. Finalmente, ante o retraso que isto podía conlevar (novos anexos ó contrato e rectificacións electrónicas e de laboratorio na copia estándar da película de custe considerable) optei por deixar o "copyright" como estaba. Quede, pois, o escritor libre de toda sospeita neste asunto.

Con todo, creo que cómpre insistir que non só no propio contido do filme senón tamén en todos os actos promocionais que se levan feito e tamén nos moitos foros con público queda clarísima a orixe galega do filme e da historia. Normalmente, o tema máis recorrido é a recuperación da memoria histórica de Galicia e as relacións entre cinema e literatura galega. Por moitos prexuízos existentes sobre a axistencia dun cinema galego diferenciado do español, maioritariamente o filme é acollido como unha "película galega". Actos de presentacióne debate fixéronse, ademais de en Galicia, en Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Zaragoza e prpepáranse xa as presentacións en Francia, Alemaña, Suiza e Canadá. -Filmanova e a galeguidade da súa producción cinematográfica.

No texto de referencia vérquense certas xeneralidades sobre o sector audiovisual galego. Serán verdade ou mentira, pero no que a nós nos toca, Filmanova (productores de "O Lapis"), temos que dicir que no caso desta película estamos traballando a partir de creatividade galega (a novela, o guión, a dirección, o corpo actoral, maioritariamente e incluído protagonistas), localizacións de rodaxe integramente en Galicia, maioría de técnicos galegos e xestión executiva galega. Non só nesta producción, ese é o noso estilo habitual de traballo, incluso en produccións internacionais ou nas que temos participación financeira minoritaria. O dato máis valorado do nos exercicio empresarial é que en menos de catro anos de actividade, demos 2.500 altas laborais.

Finlamente, quero expresar o meu agradecemento porque exista debate, crítica e discusión ó redor destes asuntos e doutros vinculados á realidade de Galicia (eu frecuento a lectura da web de Redes Escarlata) pero tamñén debo dicir que o texto que dedicades ó noso filme ten algo (ou, se cadra, moito) de desprezo e descalificación comigo, con Manuel Rivas e con Caixanova. Creo que neste caso a virulencia envelena a crítica e erra a dirección das frechas. Non é moi afortunado ir desta forma contra Caixanova, cando é unha entidade financeira modélica e pioneira en Europa polo seu apoio insólito á producción audiovisual. Non é xusto descalificar desa forma a Manuel Rivas, un autor comprometido co seu país e a súa lingua, perseguido polo poder e responsable das páxinas máis lidas da nosa literatura en Galicia e no mundo. Vivimos, moitos profesionais da cultura de Galicia e en maior ou menor medida, tempos de "caza de bruxas", non esperaba eu encontrar este sectarismo "desde este lado da barricada", como se dicía nos vellos tempos. Claro que é discutible (eu discútoo cada día comigo mesmo e cos meus compañeiros) o pragmatismo co que eu acometo a miña actividade audiovisual, alguén o pode entender como posibilismo excesivo, pero pelexo por levar os proxectos adiante, agora na producción cinematográfica como antes na música pop en galego, na tele-ficción en galego, sempre na poesía e nalgunhas cousas máis. Para os que se interesen por min é coñecida e coñecible a miña posición política e ideolóxica, tanto como discutible. Moitos matices (algúns que afectan ás conviccións máis íntimas) e que eu quixese preservar no meu traballo marcan en moitos casos a divisoria entre que as cousas existan ou non existan nunca pero hai un vello proverbio dalgún lugar no que eu confío: "máis vale amar e equivocarse que nunca ter amado" e eu amo cada día con paixón a posibilidade de crear cultura, antes, incluso, cá fidelidade á presunta corrección que vixian os escoltas da ortodoxia.



Actualizado: 25/04/2003 18:04

EGUNKARIA: Manifesto en prol da liberdade de expresión

Se o dono dun medio de comunicación español fose condenado en firme por calquera delicto, non almorzariamos con tertulias radiofónicas nin columnas de opinión esixindo o peche de ningún periódico, de ningunha radio, de ningunha televisión. Por contra, se pesa sobre traballadores, editores, lectores dun medio de comunicación vasco a sospeita de colaboración por palabra, obra, omisión ou pensamento con banda armada ou organización subversiva, desaparece da cartografía da comunicación de masas o instrumento informativo dunha comunidade de seres humanos.

Antonte foi Egin e Egin Irratia; onte, Ardi Beltza; hoxe mesmo Euskaldunon Egunkaria. Antonte, onte, hoxe e mañá seremos todos. Os creadores de opinión, xornalistas de facultade e de maseira, especialistas na profundidade da nada, da idiocia profesional e da vileza, acumuladores de capital, mercadores, expropiadores de universos simbólicos e capacidades comunicativas aplauden e vitorean a decisión resacosa dun xuíz da Audiencia Nacional —Tribunal de Excepción do capital-parlamentarismo español— suxerida polo Ministerio do Interior e a Garda Civil. Clausuran Euskaldunon Egunkaria. Exprópianlle a unha parte plural da sociedade vasca o medio monolingüe do que se dotara despois de comprobar que para as grandes corporacións mediáticas non é rendible un xornal na lingua propia dos seus lectores potenciais. E diso os galegos tamén sabemos. Hay algo aquí que va mal, cantaba Kortatu.

Como non é bo botarlles chuchameles ós marraos, non insistiremos en contraargumentar fronte ó derrubamento sistemático das mínimas garantías dos cidadáns dun Estado de Dereito, se é que existe aínda o tal enxendro, se é que hai cidadáns e non súbditos. A película repetirase. España, en democracia, seica, ten a gala acumular peches de medios de comunicación co gallo de acusacións nunca demostradas, que nunca se demostrarán. Todo medio de comunicación alternativo é culpable mentres non demostre o contrario. E cando o demostre, xa será tarde. A súa existencia é sempre indicio claro de culpabilidade. Esa é a lóxica da democracia española.

Na cerna de toda esa marea de violencia do réxime, o feito real é a morte violenta, por asasinato, dun especime estraño no campo mediático do Estado español no que tanto sobrancea o terrorismo comunicativo a cara e a cámara descuberta. A morte violenta de Euskaldunon Egunkaria.

Como o silencio sempre é cómplice, como nada do que ocorre ó noso redor nos é alleo, como sabemos do esforzo e da necesidade dun xornal libre en lingua propia, como nos negamos a cumprir coa axenda do poder e dos seus instrumentos, como temos vocación de desobediencia e rebeldía, proclamamos indignados a nosa solidariedade cos editores, traballadores e lectores de Euskaldunon Egunkaria. E esiximos a devolución ós seus donos –a sociedade vasca- do instrumento de comunicación e normalización cultural e lingüística imprescindible do que libre e comunitariamente se dotaron, á marxe de lucro e de mercantilización. E confundimos coa forza da nosa palabra o liberticidio, o glotocidio.

Como sabemos da necesidade do mal exemplo que tanto manca na cerviz descerebrada do poder e dos seus instrumentos mediáticos, policiais, gobernamentais e xudiciais, felicitámonos pola inmediata capacidade autoorganizativa dos que, decididos a non sucumbir ó terror, puxeron en mans da sociedade expropiada un novo medio de comunicación: Egunero.

Paremos tamén a guerra contra as linguas, contra a cultura, contra a liberdade de expresión. As Redes Escarlata tamén somos Egunero, tamén somos Euskaldunon Egunkaria.

 

As Redes Escarlata ó 28 de febreiro do 2003



Actualizado: 28/02/2003 18:03

MANIFESTO DAS REDES ESCARLATA CONTRA A GUERRA INMINENTE DE IRAQ

Os EEUU e a clase burguesa transnacional, despois da queda do socialismo real e dos atentados de Nova York e Washington, tratan de impor a súa Lei no mundo.

Os estados que se resisten son bloqueados e destinados á desaparición. Hoxe os EEUU están máis próximos á realidade de Imperio Universal do que antano estivera ninguén.

Estamos nas vésperas dunha agresión militar de consecuencias incalculábeis.
EEUU deciden, despois de humillaren e desactivaren a ONU, golpear Iraq. A súa determinación semella inamobíbel e xustifícase cun feixe de falsidades propagandísticas, a saber:
*O réxime iraquí é unha Dictadura persoal.
*O réxime iraquí posúe armas de destrucción masiva que ameazan a todos.
*O réxime iraquí oprime os kurdos.
A todo isto, nós, os/as abaixo asinantes opoñemos o seguinte:
Iraq está gobernado polo partido Baath de carácter socialista árabe e é anti-imperialista, pro-palestino, laico e de economía hexemonizada polo sector público.

Non existe país ningún árabe que se aproxime máis ca Iraq ao ideal de Democracia e de Igualdade. País ningún de Oriente apoiado polos EEUU (Pakistán, Arabia Saudí) pode ser considerado máis libre ca Iraq.

É falso que Iraq posúa armas de destrucción masiva, en canto que si que as posúen EEUU e os seus aliados, notoriamente Pakistán e Israel.

Ningún dos estados que asoballan a Nación Kurda lle concedeu a este pobo un estatuto de autonomía, con excepción de Iraq que si que o fixo. Estamos por un Estado Kurdo independente e socialista; os EEUU só ven nos Kurdos un pretexto.
EEUU xa están militarmente en Tayikistan, Uzbekistan, Afghanistan, Pakistan. Coa súa instalación en Iraq, logo de feroz guerra, acelerarán a secesión do Tibet e o derrubamento de Corea do Norte. Así terán cercada China, próximo obxectivo estratéxico, e terán as mans libres en Cuba. Este é o camiño político-militar para un fascismo planetario, gris e frío, baseado na pura lei do lucro capitalista e na ausencia de liberdade de pensamento.

Co control dos recursos agrícolas e do petróleo de Iraq, os EEUU e o Capital avanzarán no camiño do horror.
Nós, galegos e galegas ceibes, POR RAZÓNS HUMANÍSTICAS, POLÍTICAS, SOCIAIS, CULTURAIS E DE CLASE, condenamos a inminente agresión a Iraq e opoñémonos á guerra imperialista que está a punto de se deflagrar.
 
Redes Escarlata en Galicia , a 30 de xaneiro de 2003.



Actualizado: 30/01/2003 18:02

PENSAR COS PÉS FINCADOS NA LAMA NEGRA: As Redes Escarlata ante O atentado do Prestige

Desde o Polycomander ata o Mar Exeo, ata o Prestige, sempre Galicia, sempre o mar.

Nin sequera se molestan en vir os políticos-voitre, á procura da esperanza dos que o perderon todo. Os políticos, os Gobernos e as oposicións, estiveron ausentes máis dunha semana, demostrando que Galicia segue sendo o que Faraldo nomeara e Castelao denunciaba: unha colonia. Neste caso, unha terra abandonada á toxicidade do capitalismo internacional. O sistema capitalista é tóxico e a súa legalidade unha sucesión de coartadas e farrapos mal cosidos.

E Galicia, estes días, o deserto do real. Cómpre pensar cos pés fincados na lama negra e pegañenta.

O abandono das colonias á súa sorte, o seu destino necesariamente envelenado polo desleixo e a ausencia de tecnoloxía, que sempre está noutro lugar, non se compón a penas de substancias químicas.

Importa moito manternos intoxicados tamén informativamente: por exemplo, crear un ridículo "enemigo exterior" (Xibraltar, unha empresa calquera) mentres os coros rexionais declaman a xa coñecida "desgracia histórica". A Televisión de Galicia, que abría un especial informativo para cada detalle do desastre do Aegean Sea, parece estes días fóra do mundo. Pola tarde do venres 29, mentres a marea se aproxima, un divertido talk-show. Os risos, as cores alegres e a censura ferreña dos telexornais mancan. Como o fuel irrita os ollos do voluntariado cando tenta case clandestinamente limpar a costa.

En Galicia xa non podemos emigrar, nin nos conformamos con ladaíñas. Aquí hai culpables. Teñen nomes e amos que servir, en maior ou menor grao, desde Aznar e Fraga, que nos desprezan, ata Touriño e Beiras, que esperaron días e días para acabar dicindo o obvio, máis preocupados polo cálculo dos votos que por organizar e dar sentido á carraxe dunha nación enteira. Os economistas británicos e os xornais franceses reaccionaron antes que moitos dos nosos partidos.

Mentres, a sociedade galega tivo que organizarse artesanalmente e apoñer rabia e sachos ao cálculo de uns e ao abandono da España eterna. Para grande parte dos medios de comunicación, o culpable era unha substancia chamada fuel-oil. E claro que hai que sacar o petróleo das praias. Claro que hai que salvar mascatos e parrulos. Claro que hai que evitar que a catástrofe sexa aínda maior, claro que hai que indemnizar aos afectados; armadores, mariñeiros, acuicultores... PERO NON PARA TAPARLLES A BOCA AOS AFECTADOS E Á OPINIÓN PÚBLICA GALEGA PARA ASÍ OCULTAR E ESCATIMAR A INVESTIGACIÓN E SINALAMENTO DOS AUTÉNTICOS RESPONSABLES POLÍTICOS.

Declaracións: "non se pode falar de marea negra" (E. López Veiga), "el barco está en aguas portuguesas" (Fdez. de Mesa), "aquí non hay ningúna catástrofe ecológica" (Arias Cañete). ¿Demitiu algún?, nin demitirán. ¿VERDADE QUE SE COIDAN MOITO DE FALAR DE DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA?, É lóxico, pois esta figura os levaría a obrigas políticas, indemnizatorias e de restauración que son as que o pobo galego debe demandar.

Estes percances teñen unha orixe e uns causantes verdadeiros. Non son catástrofes naturais.

Poñámoslles nome.

a).- Terceiros Rexistros e Bandeiras de Comenencia.
Son os mecanismos fundamentais con lexislacións que permiten verdadeiros réximes de escravitude. Serven ademais para abaratar custos no trasporte marítimo. As grandes compañías de mariña mercante crean os Terceiros Rexistros para abaratar os custos de fletes e escapar ás lexislacións laborais e de seguridade marítima. Mediante estes rexistros, con independencia do capital da empresa propietaria, abandéirase o buque (Bahamas, Panamá, Nigeria, Gran Caiman, Belice,...) e fóxese así das inspeccións, contrátase man de obra barata, etc.

b).- Permisividade na contratación sen cualificar. Non é casualidade que masivamente sexan contratados traballadores procedentes do Terceiro Mundo; Malasia, Filipinas, Indonesia ou da Europa do Leste. Os cadros das tripulacións foron cortados pola metade. ¿Cal é o salario dun traballador da tripulación do "Prestige"? Tres veces inferior ao que se gañaba hai quince anos.

c).- Inspeccións inexistentes. ¿Pero é que existen no Estado español? As Inspeccións de Traballo néganse sistemáticamente a inspeccionar buques de pesca de titularidade galega, aínda que abandeirados no Reino Unido cunha empresa fantasma inglesa. Buques en estado máis que lamentable tripulados por traballadores galegos.

d).- O Dispositivo de Separación de Mercadorías Perigosas de Fisterra. ¿É eficaz? Non é o mesmo a perigosidade intrínseca dun buque cargado con hidrocarburos que con ferro, aínda tendo todos os certificados en regra. ¿Cal é a vixilancia e o control real de mercadorías que se fai no mar? NINGÚN.

e).- ¿Cando se aplicará a normativa do dobre casco? Cando xa non teñamos nada que protexer. O dobre casco mellora ostensiblemente a seguridade, aínda que non sexa un mecanismo máxico.

f).- Falta un dispositivo de prevención verdadeiramente eficaz, cualificado e adestrado para combater catástrofes marítimas. Buques de salvamento, buques anticontaminación, buques remolcadores de gran altura, barreiras anticontaminación, etc. É síntoma colonial por excelencia a carencia de ningún destes medios nunha ruta de trasporte marítimo onde pasa diariamente e en todas as épocas do ano o 60% dos fletes que van ou saen da Europa industralizada, ademais dos países do Báltico. Disque ter e manter un gran remolcador como os holandeses, ingleses ou noruegueses é moi caro (vale en torno a 1.200.000 €, e mantelo anualmente 500.000 €) pero resulta que nesta traxedia van gastar seguramente dez veces eses custos.

Mentres, a Armada española, heroica coma sempre, dá exemplo de cómo se actúa nun país subdesenvolvido: tira de pá e foza no fuel tóxico (¡leva un 2´58% de xofre!); mentres, un tal Arsenio Fernández de Mesa, máis apto para comentar deportes náuticos, representa, tal un virrei, a opereta galega de temporada; mentres, os medios de comunicación servís con Aznar e con Fraga estenden tinta, igual que as luras, por se non abondase o mouro espectáculo: que o culpable é o capitán, que é a empresa, que foron as autoridades gregas. E de novo, o berro patriótico: se se contaminan as costas galegas, "¡Gibraltar español!".

Non aturaremos NUNCA MÁIS este tipo de humillacións. Non emigraremos a ningures: QUE SE TIREN AS CARAUTAS AOS VERDADEIROS RESPONSABLES DESTA DESFEITA MEDIOAMBENTAL DO NOSO PAÍS.

¡¡¡NUNCA MÁIS!!!

Redes Escarlata: no muro da Lagoa de Louro, novembro, 2002



Actualizado: 21/11/2002 14:27

contra a Lei de Partidos e a ilegalización de Batasuna

O día 27 de xuño o Rei de España sanciona a Lei Orgánica 6/2002, de Partidos Políticos, máis coñecida por “Lei de Partidos”. A Lei promúlgase co obxectivo de (citamos textualmente) "garantir o funcionamento do sistema democrático e as liberdades dos cidadáns, impedindo que un partido político poida, de forma reiterada e grave, atentar contra o réxime democrático de liberdades, xustificar o racismo e a xenofobia ou apoiar politicamente a violencia e as actividades de bandas terroristas."

Se nas Redes Escarlata caésemos na trampa de cuestionar esta iniciativa desde o punto de vista técnico, isto é, anotando a súa contradicción fundamental co disposto na Constitución Española, a penas contribuiríamos a lexitimala e a insinuar unha revisión, outra vez, de carácter técnico. E repetiríamos o erro se quixésemos analizala á luz das disposicións europeas sobre as liberdades fundamentais, a presunción de inocencia e os dereitos humanos. Noutro tempo sería previsible que, ao someter a Lei a tales contrastes, o Estado español se enfrontase a un serio conflicto consigo mesmo, coa legalidade na que se apoia e coa legalidade europea (a legalidade internacional nunca existiu).

A nosa análise, pois, non vai partir das ocorrencias que a democracia española foi sementando co único fin de lexitimarse a si mesma desde 1977, ou desde 1975, cando tamén se chamaba democracia, recordemos, “democracia orgánica”. Ou desde o golpe de Estado de 1981, que se erixiu en metáfora da España eterna. O termo imaxinario desa metáfora era un levantamento militar; o termo real, a liquidación da esquerda rupturista e o freo, mediante Lei Orgánica, das aspiracións nacionais que se debuxaban no proceso autonómico. Nós estamos hoxe, como daquela, en contra da Constitución española e cremos que o réxime actual só ten a lexitimidade que lle transferiu o franquismo. A Monarquía non foi sometida a ningún referendo democrático e a súa lexitimidade emana, aínda que os anos queiran minguar a verdade, dun atentado contra a legalidade española de 1936. (E engadamos entre paréntese que as Redes Escarlata, por outra banda, tampouco recoñecen outra soberanía lexítima que a do pobo galego, tras un proceso de autodeterminación).

A democracia, antes que conxunto de leis, é aspiración universal; pouco ten que ver cos títulos honoríficos que un réxime se outorga a si mesmo. Afixémonos a que calquera sistema de goberno en calquera Estado do mundo, desde a Segunda Guerra, proclamase o seu carácter demócrata. Así o fan aínda, sen rubor, moitos réximes corruptos do planeta e moitos Estados que cren vacinarse contra a tortura ou contra a fame organizando eleccións de cando en vez.

En España a culpabilidade precede aos xuízos, e a suspensión cautelar ás sentencias. Non se trata dun problema rexional que nace casualmente no sur de Europa. A Lei de Partidos súmase ás necesidades dunha nova orde mundial xurdida a finais do século pasado e acelerada desde o 11 de setembro. O mercado non precisa a tripartición do poder. As democracias saen moi caras e entorpecen o fluír do capital, así que desde Nova York ata Londres van soltando o lastre da Revolución francesa para transformar pouco a pouco o Estado nunha empresa de seguridade. A Lei de Partidos española conserva certamente o aroma fascista do século pasado, mais asenta sobre un moderno soporte. Por iso a nosa análise precisa ser política antes que xurídica. Discutir as formalidades do Pensamento Único faríanos, de xeito implícito, cidadáns e cidadás dese réxime. E na realidade somos os súbditos da versión española.

A Constitución de 1978 óllase no embigo, perplexa, e ve ascender varios dos seus artigos ao limbo da utopía; por exemplo, os que consagran o pluralismo político e o carácter non finalista das leis. Porque esta Lei de Partidos foi pensada para prohibir Batasuna -incluso presume nos medios do seu carácter finalista, que é tanto como dicir que presume de ilegalidade- pero agacha ademais a súa verdadeira función. Como a Lei de Prensa do ministro franquista Manuel Fraga, a Lei de Partidos invoca as mesmas liberdades que vai proscribir. Con ela na man tentará o Estado fulminar calquera disidencia, teña esta forma de pensamento ou de organización.

Desde logo, non é esta Lei para os partidos que xustifican prácticas racistas, nin para os partidos que agreden aos homosexuais e ás lesbianas na súa propaganda e na rúa, nin para os partidos que celebran aínda os crimes da dictadura, nin tampouco para os partidos que se negan a condenar o terrorismo de Estado. Non para as forzas políticas que xustifican e amparan, ademais, en España e na Europa toda, o asasinato de nenos con balas do Estado de Israel. Non para os partidos que nunca enviarán unha nota ao Parlamento europeo instando a ilegalización do goberno austríaco e dos partidos da extrema dereita en Francia, Inglaterra ou Italia. Ou en Alemaña, onde segue sendo ilegal o Partido Comunista. ¿Deberíamos pedir a legalización do Partido Comunista alemán ou a ilegalización de Alemaña? ¿Deberíamos ilegalizar o partido de Tony Blair por xustificar e amparar o seu líder a morte de civís en Iraq a causa do bloqueo farmacéutico?

Os tres supostos poderes, e o cuarto poder, a prensa, incorren en varias contradiccións de fondo. A primeira, a maior, que tras anos negando a existencia do dereito colectivo, ou postpoñendo este, como condición esencial, aos dereitos das persoas, a Lei de Partidos refunda o delicto colectivo, sen que dese presunto delicto se derive claramente o carácter da responsabilidadade penal individual. ¿Que máis ten, para que serviría disimular xa que España se convirta nunha unidade de destino no lexislativo, executivo, xudicial e mediático? ¿Dá votos en España e en Galicia defender a democracia? Tememos que fai perder miles ou millóns deles. Por iso, ante a operación que persegue eliminar os cargos públicos e as institucións municipais electas por máis de trescentas mil persoas en Araba, Biscaia, Guipúscoa e Navarra, ante tal campaña ideolóxica e lexislativa montada polo PP e polo PSOE, o BNG e outros a penas dan balbucido a súa abstención. Gustaríanos pensar que é por medo, un perigoso conselleiro, antes que por certas complicidades de fondo. A dictadura de Primo de Rivera disfrazouse, igual que o goberno de José María Aznar, de rexeneración moral; integrou no aparato do Estado varios membros das Irmandades da Fala. Algún deses nomes había pactar pouco despois como mal menor a liquidación nas cunetas dos obreiros e dos irmáns galeguistas. Tamén se dixo que fora por medo.

Nas Redes Escarlata sabemos que non estamos sós na denuncia da Lei de Partidos. Nas Redes Escarlata sabemos que somos minoría as persoas que nos opoñemos firmemente a esta Lei. E que “minoría”, nun estado de excepción, designa cousa ben distinta ao que quere dicir a palabra “minoría” nun contexto democrático. Ben, pois esta minoría afirma hoxe sen medo que a asociación, a reunión, a opinión e a manifestación seguen sendo dereitos universais. De aí que saudemos todas as xentes, asociacións e grupos que manifestan a súa oposición á Lei de Partidos e á conseguinte ilegalización de Batasuna. Alén das nosas diferencias ou afinidades políticas, as Redes Escarlata queren chamar polos mínimos da liberdade e facer agora un mesmo corpo cos humoristas gráficos Pepe Carreiro e Máximo, coa maxistrada Margarita Robles, coa Esquerra Republicana de Catalunya, coa multitude que foi prohibida en Bilbao, cos filósofos Javier Sádaba e Santiago Alba Rico, co político Francesco Cossiga, co dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, vivo entre nós, coas mulleres independentistas de Córsega... Cando a democracia está en xogo sobra o cálculo, a táctica e a política mediocre; alá quen queira negociar a súa recompensa na auga turba onde adoita poñer ovos o fascismo.

España perdeu Cuba e Filipinas; non se resigna a que cen anos despois a maioría social de Euskal Herria poda decidir nas urnas o seu porvir. Antes, se cadra, de domar mediante o exército os territorios rebeldes, como dispón a Carta Magna, José María Aznar e Rodríguez Zapatero elixen dinamitar as pontes da paz e inventan para o ano próximo uns comicios nos que han gañar por exclusión do adversario. Unha vez máis España, en vez de Historia, segue empeñada en ter antecedentes penais. Simbolízaos coma un amuleto reseso a inmensa bandeira que se ergueu estes días en Madrid. É o mesmo exceso de tal acto o que nos indica aos galegos e ás galegas que cómpre, unha vez máis, organizar o futuro.

Redes Escarlata Lugo, outubro de 2002



Actualizado: 10/10/2002 18:14

Manifesto no 25 de xullo do 2002

"Os militares non precisan cerebro porque para marcaren o paso élles suficiente a medula espiñal; están ao nivel dos invertebrados"
Albert Einstein


O 11 de setembro foi a escusa que o Imperio programou para que policía e política sexan sinónimos. A unanimidade goebbelsiana dos medios de comunicación substitúe a representatividade democrática Cui Prodest?. As elites hexemónicas (oligarquía económica e militarista) nunca foron democráticas: a democracia é un logro da loita de clases.

Nesta nosa época de paz eterna e xustiza infinita, ¿que problemas ten agora Bush? Un dos principais, os nacionalismos, mesmo os conservadores, porque os estados pasan, os réximes políticos pasan..., pero os pobos con conciencia de seu son os únicos que permanecen.

Europa (datos de emerxencia): ninguén controla o Banco Central Europeo (falamos de control democrático), que é autónomo; a única competencia do Parlamento é o salario dos eurodeputados. O modelo de construcción europea clausura, de facto, o sufraxio universal. O euro homoxeiniza os prezos afondando nas diferencias territoriais e de clase, biopolíticas, en definitiva. Os dereitos conquistados na Revolución Francesa están en vías de extinción, nin sequera a burguesía cre na división de poderes.

Por terra, mar e aire, "al alba y con duro viento de levante de 35 nudos', o goberno e a oposición metropolitanos manteñen, para non os resolveren, os diferentes conflictos nacionais. A Lei de Partidos manifesta que España é un proxecto inconcluso e imposible, quimérico. Lémola como unha precaución contra o regreso das teorías de explicación da realidade que fundan a esquerda. O problema está na definición de "terrorismo". Coma "comunismo" na guerra fría, é palabra que engloba calquera posición antisistema como paradigma ético do mal. A fronteira é difusa, non existe. A esquerda ofrece explicacións científicas, a dereita leis represivas e excluíntes. E mitos: Aznar, o Cid, ese simpático bandoleiro. O Juan Sebastián Elcano na ría de Vigo a Semana das Letras.

O Estado das Autonomías reflicte con 25 anos de adianto a nova orde mundial. Legalízase democraticamente a submisión, a dependencia, a creba de autoestima e de consciencia. Fraga e calquera que sente con el é responsable dos 90.000 mozos e mozas que emigraron nos últimos anos, do 19 % de desemprego, da desfeita do sector primario, da catástrofe ecolóxica...

E aínda así, houbo LOU e houbo resposta contra a LOU. Houbo máis outra reforma laboral e houbo folga xeral. ¡Forros vangarda!

A independencia é a vida dos pobos, o idioma o seu alento.

¡¡Viva a República Galega!!

Compostela, 25 de xullo de 2002

Actualizado: 25/07/2002 14:21

As Redes Escarlata por ante o día das Letras Galegas

A celebración das Letras Galegas vén a lembrar a existencia dunha pequena nación chamada Galicia, coa súa cultura e a súa lingua. Aínda que a celebración é sempre precisa, a data non pode mandar ó cuarto do esquecemento e do restroballo a súa orixinaria función reivindicativa. Non tería sentido a festividade se non servise para aguilloar a reflexión e a acción arredor do noso presente e do noso futuro como nación con cultura e lingua de seu. Quizais é certo que tódolos días do ano deberan selo das letras galegas, mais non é menos verdade que a normalidade nacional, cultural e lingüística non requiriría a explicitación dese tópico tantas veces repetido nos últimos anos. Sexa como for, nada nos impide aproveitar o evento marcado no almanaque para nos expresar verbo daquilo que nos preocupa. En lugar destacado: a lingua de nós-outros. A nosa cultura.

En termos xerais, a lingua ocupa mellor posición hoxe ca hai a penas dúas décadas. O seu estatus legal de cooficialidade, ben que restrinxida e máis aparente ca real, non sendo o desexado e necesario, debería permitir encetar vieiros que a conducisen á plena normalización. No seu traslado desde a prohibición ata a cooficialidade, o galego resituouse timidamente en certos ámbitos sociais e instalouse, cremos que definitivamente, en campos culturais que xa levaban tempo en proceso de construcción consciente dun estatus de normalización. Asemade, tivo ocasión de penetrar na administración, no ensino e na comunicación de masas. No ensino, timidamente; na comunicación de masas, coa forza que lle permitiu ser a lingua vehicular dos medios públicos de Galicia: Radio Galega e Televisión de Galicia. No caso da TVG, o acceso ó campo audiovisual xera a necesidade de recompoñer o corpus para adecualo a un universo infindo de realidades; en moi pouco tempo, multiplícase o seu repertorio de roles. A dobraxe de películas e series converte en variedade lingüística plena capacitada para ser vehículo de comunicación en tódalas situacións e universos posibles unha lingua restrinxida a variedade funcional de ámbito familiar en condicións só semellantes ás que a literatura estaba xerando decidida pero lentamente. A lingua faise, para o gran público, instrumento normal de toda caste de comunicación e expresión, independentemente de situacións comunicativas, interlocutores, posición social destes, etc. Neste sentido, pódese falar dunha normalización virtual da lingua galega . Sería de esperar que tanto o seu novo estatus legal coma o seu acceso simbólico ó ensino, á administración e, sobre todo, ós medios de comunicación varrese en pouco tempo os prexuízos lingüísticos compañeiros do proceso de substitución lingüística. En parte, así foi. Cando menos, foron desaparecendo dos discursos públicos, inda que quizais algúns deles seguen latentes.

Pero esta é só a cortiza superficial da realidade. Só quen se conforma con esvarar nela afirma que a posición da lingua é ideal. Idealización de realidade virtual, fantasiosa ou politicamente interesada . Os avances só son tímidos pasos adiante acompañados de retrocesos.

No ensino é simbólica a presencia da lingua, coma a literatura sempre apelidada, galega, en contraste coa que non precisa máis có nome, a española; a resposta mínima ás esixencias sociais. Certo é que o ensino da lingua maila aprendizaxe doutras materias, presuntamente obrigatoria, en galego contribuíu a estender a competencia pasiva. Posiblemente, a totalidade da poboación galega coñece o idioma e estaría en disposición de utilizalo . Mais a escola segue a ser un instrumento nuclear de desgaleguización. Os nenos galegófonos son alfabetizados en castelán , teñen no castelán a lingua instrumental para a comunicación escrita xeral. Seguimos sen dereitos lingüísticos nun sistema de ensino alleo que non nos dá a posibilidade de educar os nosos fillos na nosa lingua.

Canto á comunicación de masas, a TVG e a Radio Galega forman unha illa. Contra elas, cadeas de televisión públicas e privadas a emitiren só en castelán e unha rede nacente de televisións locais que vai caendo nas poutas do grupo PRISA. Contra elas, un mundo de emisoras de radio entregadas gratuitamente nas mans dos imperios comunicativos españois a emitiren en castelán. Contra elas, unha prensa que non considera o galego digno da comunicación de masas. Contra elas, unha industria audiovisual fortemente subvencionada incapaz de producir cine en galego, coa vontade explícita de participar no sistema audiovisual español e ofrecer Galicia como plató cinematográfico. Cabo delas, o testemuño dunha presencia cativeira e simbólica en emisións de RNE e TVE en Galicia, emisoras municipais e certa prensa comarcal, xunta a anécdotas voluntariosas nunha masa comunicativa estrictamente española, conscientemente allea á lingua. Conscientemente arredada das nosas manifestacións culturais. Se, como agoiran os meigos da globalización, o futuro das culturas se forxa na comunicación de masas e no campo audiovisual, ó camiño da normalización quédalle moito que rozar.

Como coroa, a transmisión da lingua descendeu en progresión xeométrica nas últimas xeracións. E non, como interesadamente se quere facer crer, por mor da libre vontade dos seres humanos que habitan esta nación e escollen falarlles ós fillos unha lingua distinta da que eles empregaron e empregan para se comunicaren. Os ritmos de substitución lingüística intensificáronse a partir da xeneralización da comunicación de masas e coa presencia doutros condicionamentos políticos, sociais e económicos. Se ben socialmente o galego superou en boa medida os estigmas de desprestixio social, o ámbito familiar, aquel no que resistiu durante séculos, está facendo descender o número de falantes. Acompaña este proceso unha tendencia á liturxización; xermola unha nova diglosia, inversa, na que a lingua pode converterse en variedade funcional para ámbitos formais de expresión e comunicación ó tempo que mingua na expresión familiar e coloquial. Non será casualidade que a dirección sexa contraria á que tomaron linguas coma o catalán ou o euskera nos últimos anos, cunha recuperación evidente no seu uso, especialmente na xente nova.

O mito da suprema liberdade individual de escolla que situará cada lingua e cada cultura no lugar que lle corresponde por esencia é a falacia en que se alicerza o discurso da dominación. Pero unha política lingüística normalizadora tería que coñecer os feitos que condicionan esas escollas, comprender a posición da lingua como elemento simbólico de identificación de dominantes e dominados, de privilexiados e excluídos nos múltiples ámbitos sociais. A política lingüística da administración autonómica e dos poderes de España emite discursos dirixidos a manter o estado das cousas. Niso consiste o chamado bilingüismo harmónico, esa imposibilidade social que agocha a substitución lingüística acelerada , unha resposta ás necesidades de os grupos de dominio manteren o seu estatus e os seus símbolos. Trázase unha situación idealizada para que nada mude. Négase o conflicto para non alterar o valor simbólico das dúas linguas en conflicto. As clases dominantes manteñen un monolingüismo militante que perpetúa o castelán como símbolo de éxito, un símbolo que terá que adoptar todo aquel que desexe ese mesmo éxito. Esta realidade é aplicable non só ó campo da lingua. O campo literario sofre a mesma presión. Nos últimos tempos, os medios de comunicación de Galicia engadíronse á ofensiva ideolóxica, política e cultural, uniformizadora, do Estado español , inventando e amplificando unha polémica monolóxica arredor da galeguidade de escritores e escritoras nados en Galicia que escriben a súa obra en castelán. Participantes voluntarios, por tanto, no sistema literario español. Alleos, por tanto, á literatura galega. Son convertidos dun día para outro en víctimas dun presunto esencialismo excluínte por parte dos que presuntamente negan a súa galeguidade. Eses medios e eses escritores que se prestaron ó xogo si que se investiron cun esencialismo irracional ó confundiren, interesadamente, a condición derivada de nacer en Galicia coa que permite falar de sistemas literarios. Coma se eses escritores importasen e non o sistema literario no que nunca quixeron xogar. O discurso pretende anular o sistema literario galego mediante a conversión en símbolo exitoso daqueles que, sendo galegos, escriben en castelán. Un éxito que non posúen os escritores galegos. O éxito literario fronte á resistencia e a exclusión. Minimízase o sistema literario galego mediante o recurso á amplificación dunha presunta distancia inmensa entre a producción literaria en español e a producción literaria en galego. Segundo este discurso, os autores galegos que escriben en español gozan de éxito: grandes vendas, premios, recoñecemento mediático, calidade indiscutible, galeguidade probada, escaparates nas librerías e espacio e tempo nos medios. Do outro lado, os autores do sistema literario galego, obviamente non recoñecidos nin premiados da mesma maneira, recluídos no ghetto do andel que nas librerías amorea sen criterio toda a producción en galego, fóra do escaparate, fóra dos medios, fóra dunha TVG que non quere falar da nosa literatura. A cualificación de calidade e de éxito só a outorga o sistema literario español, o único con capacidade mesmo para lles conceder éxito a autores do sistema galego. O escritor galego será importante só na medida en que o sistema literario español o considere importante. Cando ninguén considera anormal a cantidade e calidade de obras publicadas en castelán, en Galicia seguimos a escoitar voces tendentes a desacreditar o sistema literario galego por culpa dun presunto exceso imponderado de publicacións. O discurso encerra a desigualdade de dúas linguas e dúas culturas, convérteas en símbolos de estatus con valores radicalmente opostos. Este discurso non é casual. Intégrase na ofensiva uniformizadora do Estado español, unha ofensiva que presenta unha cara dura e outra amable. A cara feroz, mediante o recurso ó ataque directo contra a diferencia, mediante a defensa do español como víctima dos ataques identitarios, mediante promulgacións de leis, reformas de programas de estudios, informes académicos e discursos rexios segundo os cales o español nunca foi imposto. Flagrante falsidade adorada por intelectuais centrais e ex-periféricos que visten de razón o que só é propagandístico aggiornamento do vello principio segundo o cal a lingua é compañeira do imperio. A faciana amable, mediante a burda distinción entre lingua de cultura e linguas vernáculas, mediante o recurso ó número de falantes, mediante a transformación dunha lingua en patrimonio cultural que non está mal conservar enclaustrado no fermoso museo da diversidade española. E este discurso de rostro amable topa ás veces a axuda de quen, desde a seguramente ben intencionada defensa do galego recorre a argumentos semellantes: a lingua como patrimonio digno do museo ou a necesidade de agochar o galego nunha lingua de cultura de verdade como é o portugués.

A lingua galega non só é a lingua propia do territorio que comprende a actual división administrativa. Hai unha identidade común a territorios lindeiros polo leste que nos compromete e nos implica, aínda que non queiramos, nos seus esforzos, cada vez máis patentes e dignos de apoio, por defenderen uns dereitos lingüísticos dos que son privados unha e outra vez polas diferentes administracións do estado e das comunidades autónomas a que pertencen (Asturias e Castela-León). Temos responsabilidade como falantes, e teñen responsabilidade as institucións, que deben corrixir o seu desleixo histórico. Alegrámonos profundamente de iniciativas recentes de cooficialización en concellos coma o berciano de Veiga de Valcarce e o de Lubián, nas Portelas, e agardamos que outros concellos adopten iniciativas semellantes.

Non é a nosa intención avaliar polo miúdo a situación lingüística de Galicia nin ás políticas lingüísticas da administración nuns poucos parágrafos. Só queremos expresar a nosa esperanza no futuro e a intención de varrer as pexas que nos impiden decorrer libremente e en igualdade. Aspiramos a que o galego sexa a lingua de instalación de Galicia e esiximos das administracións un compromiso certo co futuro. Desexamos a creba da política lingüística substitutoria deseñada e implementada pola administración . Queremos o compromiso dos poderes locais no canto de foguetes propagandísticos.

Cremos no presente e no futuro. A lingua dános dereito a vivir e a comunicarnos. Por iso evitamos o catastrofismo e recorremos á análise crítica, aquela que outorga a convicción das capacidades da lingua, da cultura, dos seus usuarios, a certeza do seu futuro. Coñecemos a realidade dificultosa da lingua na actualidade e negámonos a agoirar o seu final porque sabemos que non desaparecerá, cando menos mentres existan galegos comprometidos na súa perdurabilidade, mentres perviva a lealdade lingüística representada na transmisión e no uso. Esa vontade, activa ou pasiva, é suficiente para a existencia dunha lingua. Comprometémonos co presente e co futuro da lingua, coa súa ocupación hexemónica dos diferentes ámbitos sociais. É posible, unha necesidade, que o galego sexa a lingua de instalación de todos en calquera situación comunicativa e mais a lingua de relación lóxica co mundo lusófono.

O Día das Letras Galegas ten que se converter, por riba da festa compracente de foto fixa, no espacio común de análise, reflexión e reivindicación dunha política lingüística verdadeiramente normalizadora que atenda a tódolos ámbitos da sociedade. Esta atención debe prestarse con urxente prioridade ó ámbito da comunicación de masas, mediante a creación dunha segunda canle da TVG e da Radio Galega. Queremos ter o dereito de informarnos, e de facelo na nosa lingua. Tamén nos corresponde o dereito de educarmos os nosos fillos na nosa lingua. Comprometémonos a actuar para defender a necesidade de vivirmos plenamente na nosa lingua. Sen restriccións. Sen exclusións.

Entendemos prioritaria a necesidade de que os sectores sociais que están na vangarda da defensa e do desenvolvemento da lingua se articulen eficazmente, sen dependencias, sen estratexias alleas. É hora de sumar e organizar vontades sociais, sacalas dos ámbitos privados para a rúa e premer nas estructuras de quen ten o poder de decidir sobre tantas cousas que nos afectan. A nosa lingua é a nosa cultura, o noso modo de ver o mundo, de estar nel. Necesitámola para sermos seres humanos do noso tempo, da nosa terra. Nunca renunciaremos a ela.

O futuro abre portas, ventás e lumieiras polas que debemos acceder para seguir construíndo unha casa en que vivir libremente. O galego ten tantos ou máis falantes ca algunhas das linguas europeas que posúen estatus de oficialidade e protección suficiente para garantir o seu porvir. E aínda que así non fora. Quizais o único que nos distingue de todas esas comunidades é a liberdade para organizar o futuro con institucións propias.

Actualizado: 17/05/2002 14:25

AS REDES ESCARLATA ANTE OS PREMIOS CHANO PIÑEIRO

As Redes Escarlata congratulámonos da lembranza á figura de Chano Piñeiro, quen, alén do uso simbólico do seu nome, merece a homenaxe de dotar o campo audiovisual de formas e contidos nacionais, dun compromiso coa normalización cultural e lingüística de Galicia.

O compromiso do audiovisual galego. Este campo audiovisual chamado galego sobrevive cun forte apoio económico da administración pública. O seu único horizonte é o beneficio industrial das empresas privadas de comunicación. Débeselle esixir un beneficio social que nesta altura non existe. O proxecto audiovisual hexemónico, por contra, concibe Galicia como un plató, un ámbito de servicios para o audiovisual español. Nega a propia autonomía.

O audiovisual en relación cos outros campos culturais. O audiovisual galego di procurar contidos universais. Este discurso disfraza o rexeitamento da realidade cultural, social, lingüística, histórica de Galicia. Xéranse produccións que van do alleamento cultural á aproximación pintoresca a espacios fragmentarios da nosa realidade. A conexión cos outros campos culturais, entre eles o literario nacional, é inexistente ou toma forma de traslación lingüística e cultural que deforma os contidos orixinarios. A substitución da lingua galega polo castelán pexa calquera proceso de normalización cultural e só achega dislocacións conceptuais ás obras audiovisuais.

O audiovisual e os actores galegos. O audiovisual galego renuncia voluntariamente á base artística en que por lóxica se debera alimentar: os actores. É patética a obsesión por traballar con actores españois de segunda categoría e reservar para uns poucos artistas galegos papeis de recheo.

Non é posible un campo audiovisual galego en castelán. Das produccións que optan ós premios Chano Piñeiro, soamente unha ínfima porcentaxe —os productos elaborados para a TVG— ten como soporte a lingua galega. Non hai cinema galego se non hai cinema en lingua galega. O castelán é a lingua vehicular das produccións audiovisuais realizadas con subvención pública, malia as axudas da Xunta de Galicia requiriren o emprego do galego como lingua de expresión audiovisual. Contravense na práctica o sentido duns apoios que xorden para incentivar a creación audiovisual en lingua galega. Conscientemente, o audiovisual hexemónico en Galicia opta por rexeitar a propia autonomía para se converter en apéndice subalterno, de inferior categoría, do audiovisual español. As películas realizadas con subvención pública galega exhíbense en castelán nas salas de Galicia e, hipoteticamente, en festivais do exterior. Só unha porcentaxe ridícula de copias é dobrada ó galego.

As condicións de traballo. A explosión das produccións audiovisuais en Galicia xerou postos de traballo. Postos de traballo precarios, mal pagos, con xornadas laborais que vulneran tódalas legalidades. A industria audiovisual galega fúndase na sobreexplotación, contra Galicia e a súa lingua.

As Redes Escarlata reclamamos dos poderes públicos e do ámbito audiovisual un compromiso eficaz, real, coa cultura de Galicia, coa súa lingua, coa súa realidade, a elaboración de productos que nos expresen como somos e como queremos ser, na nosa lingua, en relación directa coas nosas produccións noutros campos culturais.

Redes Escarlata

Galicia, abril de 2002



Actualizado: 18/04/2002 20:18

TESES PARA UNHA REFLEXIÓN POLÍTICA A PARTIR DAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

Le suffrage universel ne me fait pas peur, les gens voteront comme on leur dira

Alexis de Tocqueville

As eleccións, ultimamente autonómicas, foron unha derrota para a esquerda nacionalista; gañaron os de sempre, gobernan os de sempre. Pero nelas non se xogou derrota ou victoria dunha clase, das multitudes, dun proxecto social e nacional.

As eleccións son control das multitudes, aparencia de democracia, ilusión de liberdade e de igualdade, pero non democracia. Se nunha democracia burguesa gañase un partido non burgués que pretendese aplicar un programa transformador, sería un erro do sistema que se resolvería coa sabotaxe, co bloqueo, co exército, coa mobilización dos aparellos de dominio e de control. As oficinas de xestión burguesa pelexan nas poxas de subcontratas, nas pantallas ou ágoras por obter/conservar os contratos admistrativo-electorais: de non cumprir exitosamente, tal partido perderá o seguinte contrato. Son as eleccións ilusión de participación que impide a verdadeira participación popular na toma de decisións. Son o terreo de xogo en que se dirimen os éxitos ou fracasos dos aparellos dos partidos en termos de mercado, segundo as estratexias publicitarias e de mercadotecnia deseñadas. Só así se pode asumir intelectualmente a maioría absoluta da subcontrata partidaria das vacas tolas, do desmantelamento da flota, da derrota do sector primario, da substitución lingüística e cultural. Só así se comprende a renovación da subcontrata máis necia, prepotente, caciquil, totalitaria, antigalega. As eleccións só son, pois, un escenario máis, e non xa o principal, da loita de transformación. A democracia é poder popular.

O capital asegura o seu mando mediante o dominio e o control. O dominio exérceno os aparellos do estado. O control, os medios de comunicación consolidados como castelos mediáticos da información-propaganda de clase, os partidos hexemónicos e o sistema representativo. Nas súas mans radica o poder de converter en real o irreal e o existente en inexistencia. En Galicia esta tese cúmprese en dúas direccións: autónoma (dependencia do voto - mando - caciquismo - dominio) e consubstancial ó sistema (medios de comunicación, partidos, desigualdade de oportunidades, silencio de opcións antisistema, etc.). Esta articulación das forzas do poder dificulta calquera avance electoral.

Os partidos institucionais fan parte da dominación hexemónica do sistema. Este impón as súas normas de principio, fundamentadas en razóns esóxenas (contexto ideolóxico internacional e do Estado) e endóxenas (renuncia dos partidos, renuncia da intelectualidade á contrahexemonía). A nova dereita, representada polo PSOE e a socialdemocracia, procura un espacio electoral en que moverse e non topa acomodo; quizais por iso esa recorrencia sosa á moderación: oposición sensata, cambio tranquilo... E dicir, nada. A esquerda institucional navega entre a elaboración dun discurso matizado e o asombro ante a posibilidade de tocar goberno. Está perdendo o seu carácter transformador, pois para participar da festa debe deixar clara a renuncia e a súa fidelidade ó sistema. A súa íntima aspiración: ser a terceira pata do sistema.

Os medios de comunicación aprópianse dos discursos, reelabóranos e emítenos. Transmiten e impiden transmisión ó seu gusto, non coñecen máis liberdade de expresión e opinión cá daqueles que non contradigan a lexitimidade dos seus intereses, xogan coas interferencias, impoñen as súas regras; convértense en único escenario posible de toda acción política. Único escenario eticamente aceptable. Son barreira infranqueable entre o proletariado moderno e o seu desexo e necesidades de representación e poder. Proclaman a morte da esquerda, de toda posibilidade (e necesidade) de transformación profunda, de alimentar un mundo novo; impoñen a súa ética reaccionaria de clase e universalízana. Dividen así o mundo entre o ben e o mal en correcta correlación cos intereses do capital enfrontados ós do proletariado moderno, das multitudes... Achican o espacio do real, convérteno nun deserto.

A política pasa a ser cousa de políticos e de medios de comunicación, allea ás xentes. A alternativa non consiste, non pode consistir, en mimetizar e asumir os discursos dos medios e os seus valores, os valores do sistema e do réxime, só para evitar a incomodidade, para entregarse cegamente á súa mediación. Pérdese, nese tránsito, a relación co suxeito colectivo antagonista; o afastamento faise abismo. A alternativa pasa a ser só loita por un espacio virtual mediático, un espacio que nunca será propio a menos que se creen desde a base os novos medios: a contrainformación, a contracomunicación.

Para as clases populares, o proletariado moderno, o sistema de representación devén en crise permanente. É, en esencia, crise. A abstención coligada cos votos nulos e en branco faise partido maioritario. En parte é activa e antisistémica. En parte, simple manifestación espontánea de distancia respecto ó xogo simbólico polo poder. Certo é que esta mesma manifestación pode ocultar unha actitude pasiva e mesmo conservadora, de resignación política, ou incluso de negación idealista do sistema. Iso non impide reflexionar sobre esa importante masa que se expresa espontaneamente contra a falsa transcendencia dos procesos electorais. Hai nela, pois, antagonismo potencial.

As multitudes saben que nada se xoga en cada proceso electoral, a non ser a clasificación nun espectáculo, nun concurso en que cada individuo pode apoiar, por pasar o tempo, un equipo. As contendas electorais convértense en combate en que só se debate o futuro dos equipos contendentes. Ó outro día, todo segue igual. Os asalariados seguen sufrindo a súa condición de explotados.

Nos electorados colonizados política, cultural e ideoloxicamente, téndese por inercia a delegar a capacidade de decisión no administrador colonial. Unhas veces, mediante a abstención; outras, polo camiño do voto sumiso ós previsibles gañadores, unha expresión pseudopolítica do mimetismo biolóxico da supervivencia de quen non non se sente (porque non o é) soberano nese territorio. As experiencias alternativas (Fronte Popular do 36 na memoria, triunfos do PSOE e nas municipais do BNG na contemporaneidade) aboan positivamente tal actitude. Ben porque se perciben como experiencias históricas extraordinarias (a FP no 36), ben porque se sabe subalterno, alleo, autonómico, o proceso electoral; ben, no caso do lumpen -500.000 pobres na Galicia- e de sectores non productivos, para continuaren "invisibles" conservando o que (non) teñen: TV, fútbol, automóbil a prazos, infravivenda, RISGA, pensión, subemprego ocasional, esmolas institucionais, pequenas terras improductivas... Nos máis dos casos, sábese que do proceso electoral non devirá ningún cambio substancial, así que, para seguir igual, mellor é o malo coñecido.

Nas periferias da periferia do sistema, a desvalorización do propio voto, forzado polos media e polas redes benéfico-asistenciais-caciquís, é absoluta: a democracia cristiá gañou todas as eleccións no sur de Italia, Lula perdeu a segunda volta electoral con Collor de Melo nas favelas, o PP arrasa en Ourense-Lugo-interiores de Coruña e Pontevedra, precisamente naquelas áreas que sofren un proceso de despoboamento case definitivo. Sen futuro. A imposibilidade de adquirir conciencia das necesidades do presente para poder trazar un futuro é un factor fundamental neste comportamento dos electores. A esa imposibilidade contribúe o sistema e os seus aparellos, entre eles partidos e sindicatos socialdemócratas, partidos e sindicatos da esquerda institucionalizada. Todos esteos necesarios da orde e da inmutabilidade do sistema. Do camiño sen saída.

O campo da aspiracións das multitudes, do proletariado moderno a un cambio da base material queda ermo. Os discursos electorais deveñen superestructurais, alleos ás realidades materiais, mediatizados, un xogo de intereses partidistas que non empalman coas necesidades, intereses e desexos dun suxeito colectivo sen representación.

A inserción cega das forzas da esquerda no sistema non só afecta ós procesos electorais. Toda a súa actividade política se volve illada, entregada á mediación, allea ás realidades materiais das xentes. Inútil. Convértense en instrumentos que evitan a participación. Ó cabo, mesmo sen o eles querer, acaban por ser instrumentos do poder para amortecer as contradiccións internas dun sistema de dominio, control e explotación.

Pero a función da esquerda é outra, é transformación, é canalizar as contradiccións e as manifestacións espontáneas e elevalas a formulación política, non amortecelas; é facerse instrumento da organización colectiva dese antagonismo sempre latente; é descubrir explicitamente as engrenaxes dun sistema de explotación e dominio e, ó tempo, sabotealas; é desvelar as condicións materiais que xeran ese antagonismo e converter a utopía en posibilidade e necesidade. Comunismo ou barbarie capitalista.

Transformación social e nacional, únicos obxectivos da esquerda para facer política e, subsidiariamente, participar nas eleccións. Se non é así, ese instrumento político é pura máquina electoral desaloxada da historia e á marxe da autovalorización do suxeito colectivo antagonista, presa das pautas electorais que marca o sistema. A súa derrota é súa só, non de Galicia, non do proletariado moderno, non das multitudes... A exclusividade da festa electoral como única actividade política da esquerda é o suicidio. Cómpre unha organización que xurda directamente das necesidades materiais das clases populares e empate coa subxectividade colectiva para con ela dar luz ó futuro do proletariado moderno, desa Galicia que se esvaece, que se desertiza, submida na emigración desde a aldea ó sector servicios das cidades e das vilas, que sofre un proceso de acumulación primitiva que só lle deixa a posesión da forza de traballo para malvender en condicións de explotación extrema.

A loita urxente da esquerda nacionalista non é a consecución de votos a calquera custo, porque nin sequera un triunfo electoral garante a forza necesaria para transformar a realidade se non hai unha organización consciente das multitudes. É inútil a moderación do discurso público se a comunicación coas xentes se entrega á mediación de radio, prensa e televisión. Todo electoralismo baterá contra os muros do sistema. A estratexia será gañar consciencia, é dicir, conciencia da necesidade, auténtica liberdade transformadora. Porque só a conciencia das necesidades posibilita a liberdade. Sen esta condición, as mensaxes electorais seguirán a ser baleiras. A emancipación é imaxinable. Porque este non é, nin moitísimo menos, o mellor dos mundos posibles.

Cómpre unha auténtica reconfiguración dos instrumentos da esquerda nacionalista, a acumulación de ideas e esforzos, a reorientación unitaria desde as bases populares: o proletariado como suxeito colectivo de liberación social e nacional, aínda non organizado, aínda non maioritariamente consciente. Daquela, a participación nas eleccións terá o seu verdadeiro valor, un escenario máis da loita política entendida como un avance constante, diario, de posicións do proletariado galego –entendido este como a multitude de sectores sociais que sofren o dominio, o control e a explotación do mando capitalista en diferentes graos- na desestructuración do sistema e na súa propia autovalorización. Contrahexemonía intelectual e social. Somos maioría.

Correponderalle á intelectualidade tamén cuestionar os instrumentos, analizar as formas de antagonismo e contribuír a canalizalas. Posibilitar a contrahexemonía. A esquerda nacionalista debe preparar as condicións para un novo poder constituínte máis aló da prisión das famosas condicións obxectivas e subxectivas.

Fronte á democracia representativa, é necesario profundar na idea e na praxe dunha democracia popular baseada en Consellos, poñela en marcha alá onde as condicións o permitan. Levar as decisións ás xentes, as de verdade, non só as de escasa entidade material e simbólica. A realidade material é crúa. Cómpre un esforzo imaxinativo para converter as contradiccións sociais internas en acción: creando antagonismo e organización social, baténdose contra o control, ideando medios de contracontrol. Iso non quere dicir renunciar a participar nas eleccións, pero requiren unha nova consideración táctica. Deben ser valoradas na súa xusta medida. A esquerda hoxe non pode xerarquizar as contendas electorais fronte á intervención social. É no ámbito do social onde se gañará o futuro, onse se armará o camiño para asaltar definitivamente o ceo.

La résistance, la rébellion, la révolution, ce n'est ni un style, ni une posture, ni la gestion médiatique d'un vieux capital de sympathies contestataires. Bill Gates se promène lui aussi en jeans, certains tycoons d'Hollywood portent la casquette visière à l'arrière, Bill Clinton fuma de la marijuana. Et tous aiment probablement les Rolling Stones, tous profitent de la révolution sexuelle, tous savent chanter We are the world. Mais ils sont le monde que nous devons changer. Et, pour le changer, nous ne pourrons décidément compter ni sur le "jeu" du marché, ni sur la Banque de Francfort, ni sur Daniel Cohn-Bendit. Serge Halimi (United colors of Dany le... * *choisissez la couleur.)

Compostela, 16/02/02


Actualizado: 16/02/2002 14:33

CUI PRODEST?

Sen profundar en datos moi verosímiles sobre a autoría intelectual e loxística (implicacións da CIA -Maine, Pearl Harbor, embaixada ianqui en Beirut-, do Mosad -visitas á embaixada iraniana de París de Bush pai, Bin Laden pai e axentes do Mosad-, dos negocios familiares (clans Bush-Bin Laden), interesa máis o "cui prodest?", a quen aproveita, así como as consecuencias para os movementos progresistas que se derivan da perda dos skylines neoiorquinos e da perda parcial das instalacións do Pentágono.

Volven as máquinas da guerra, regresa o reprimido (Bush), porque cómpre reubicar as lexións nas provincias afastadas e zonas estratéxicas, neste caso lindeiras co nacionalismo chinés, e darlle a primeira mordedela ás repúblicas exsoviéticas; porque os servicios de intelixencia necesitan "protección e liberdade" para mellor servir ao terrorismo legalizado; porque as multinacionais, beneficiarias económicas exclusivas da globalización co paraugas político-militar do Estado (único) imperial, necesitan refeudalizar o planeta; porque se revitaliza a industria armamentística e as súas auxiliares, ¿ou quen está cotizando á alza?, militarizándose a economía improductiva, o investimento estratéxico e seguro na "guerra permanente e indefinida".

No noso primeiro manifesto falabamos do pensamento cero. De agora en diante haberá que falar de pensamento menos once porque o control dos medios está esmagando a conciencia crítica e desconectando calquera opinión discrepante, ¿quen se atreve a discutir a veracidade da propaganda?; porque se vai acentuar a limitación das liberdades, entre outras cousas, coa universalización cofinanciada do sistema de espionaxe "Echelon", control de correo electrónico, teléfonos, etc.; porque a historia do mundo pasa a ser a historia ianqui: o suceso máis importante da especie é o bombardeo de Pearl Harbour e a data que nos define como humanos é 11 de setembro de 2001; porque a Liberdade é duradeira ou non é, e falar dos dereitos inalienables e dos dereitos humanos, ¡vaiche boa!, só o poden facer os USA en nome do imperio; porque se abateu, con absoluto descaro, mesmo formal, o poder xudicial; porque se está reprimindo calquera grupo que conteste as posicións do mando único: pacifistas, nacional-populares, antiglobalizadores, ecoloxistas, sindicais, etc.; porque se silencian os vinte millóns de norteamericanos contrarios á guerra, porque terrorista é agora calquera sospeitoso e disidente (relixioso, lingüístico, político, cultural...) seguindo o maccartismo sociolóxico imposto e o seu discurso de exclusión, nova cruzada (Oriana Falaci, Berlusconi...), porque agora a prioridade é a loita antiterrorista das policías nacionais e internacionais, que deixa amplo espacio ó narcotráfico, trata de "brancas", tráfico de armas, negocio da inmigración, mafias diversas... Isto é: máis diñeiro para ser "branqueado" en USA e equilibrar a caída das exportacións cun dólar forte; porque se pretende confundir o dereito á rebelión, que xustifica o uso das armas contra os opresores na liña da Declaración de Dereitos, e todo tipo de violencia; porque "Deus non é neutral", efectivamente, nin tampouco o son as armas, a prensa, os monopolios, os gobernos...

O matón nunca recoñece o outro como un lídimo adversario porque sofre un terror radical ao diferente, necesita negalo por causa do seu proído-emoción patriarcal; porque covardemente sempre fai a guerra a un mínimo de 6.000 quilómetros; porque vai acoirazado a enfrontarse con esfarrapados; porque abriu a segunda fronte europea moito despois de Stalingrado e porque puxo morte nuclear en Hiroshima e Nagasaki, de napalm no Vietnam e bombardeou Iraq e os Balcáns; porque enxugou na primeira liña do seu carro a: o estado sionista de Israel, os lambebotas da OTAN, os exsoviéticos...

- golpe de estado en Chile, morte de Salvador Allende (11 de setembro, 1973)

- campos de refuxiados de Sabhra e Chatila (Ariel Sharon e CÍA)

- diada de Catalunya

- setembro negro (Palestina)

- 12 palestinos asasinados polo exército israelí,

- 36.500nenos mortos pola fame e enfermidades curables segundo a FAO (11 de setembro, 2001)

- fame, enfermidade, guerra, sida, espoliación, mulleres afganas... ¿Qué goberno dá o pésame? Nas portas da humanidade que sofre, da humanidade humillada, non se recibe dó.

No pensamento burgués existe incapacidade para recoñecer que alguén poida converter a vida propia nunha arma para rescatar a súa colectividade, esa arquitectura que nos proporciona o sentimento de ter rumbo, coma a un barco nos océanos do tempo.

Diante do abismo da anomía, perante a negación da teoría revolucionaria, é posible entender, non necesariamente compartir, que un pobo opte por lanzarse como bombas contra a casa do usurpador-verdugo (bonzos budistas vietnamitas, suicidas palestinos...) producindo un horror que vai máis aló do físico, provocándolle o estupor e a incomprensión. Unha confrontación nauseabunda no lardo da ánima burguesa, construída sobre a propiedade e sempre arrepiada pola morte ou desaparición do corpo, o instrumento de apropiación e servidor da propiedade.

Asistimos a máis un grao de reforzamento das posicións ideolóxicas do nacionalismo español nas versións fascista e socialdemócrata porque se está executando un volta máis no fuso que esmaga os movementos de liberación nacional e resistencia social (okupas, antiglobalización, feminismo radical...); porque neste deserto intelectual só medra o sometemento edípico a papá-paranoide-papanatas Bush; porque a "seguridade" non vai diminuír o tráfico ilegal de armas, trata de brancas, droga, inmigrantes..., nin as súas mafias; porque o uso perverso do suceso "11 de setembro" serve para reafirmar a Aznar e a Fraga no espírito españolista, satélite dos USA.

Porque Schindler necesitou unha guerra para facerse rico, porque debemos combater a opresión onde se atope,

¡PAREMOS A GUERRA, PAREMOS A REPRESIÓN, PAREMOS O IMPERIALISMO, PAREMOS O HORROR DAS MULLERES-BURKA

Redes Escarlata

Galicia, 8 de outubro de 2001

Actualizado: 08/10/2001 14:23

Manifesto das Redes Escarlata

Diante da situación degradante das organizacións políticas e sociais que, agás escasas excepcións, están incorporadas ao sistema neoliberal, facemos un chamamento ás persoas críticas con este estado de cousas para integrármonos nun colectivo soberanista de intervención social e política, constituíndo unha ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL ou barco de pedra, chamada REDES ESCARLATA.

Somos de esquerdas e sostemos que nestes tempos de mudanza tecnolóxico-financeira a sociedade segue estando dividida en clases.

Non temos máis horizonte que a soberanía dos cidadáns, dos traballadores e das nacións.

Non renunciamos aos principios inalienábeis que constitúen a verdadeira democracia (ata o fondo, subversiva, progresista): o dereito á igualdade real, a xustiza, a fraternidade e a liberdade das multitudes.

Nada nos é alleo, todo nos compete. Teimamos en intervir en temas políticos, sociais e culturais dos nosos Terra e Tempo.

Renegamos da globalización neoliberal e defendemos a solidariedade internacional.

Renegamos do imperialismo e defendemos a autoderminación.

Renegamos da caridade institucional, cos seus exércitos humanitaristas, ONG, lavado de conciencias..., e defendemos o internacionalismo.

Fronte ás presentes autonomía e monarquía, autodeterminación e futura República Galega.

Fronte ao bilingüismo harmónico, normalización lingüística: a nosa expresión escrita asumirá a normativa vixente.

Fronte á alienación e ao simulacro, cultura.

Fronte ao discurso xenófobo, radical antirracismo, fraternidade cos economicamente incorrectos.

Fronte á expropiación privatizadora, sector público galego.

Laicismo fronte á confesionalidade subvencionada.

Pluralismo informativo fronte ao pensamento único ou pensamento cero.

Contrainformación fronte ao discurso dominante.

Queremos que se respecte o exercicio dos dereitos políticos e non se fomente o terrorismo de Estado. Manifestámonos pola liberdade e a solidariedade con tódolos pobos insurxentes. A solución ao conflicto en Euskal Herría pasa pola negociación entre o Estado e as forzas soberanistas vascas.

Queremos unha organización territorial galega que remate coa administración tutelar de Hespaña. Queremos bisbarras e parroquias, non provincias.

Temos por galego o territorio lingüístico e cultural das comarcas estremeiras (Eo-Navia, Bierzo Occidental e As Portelas) e do val do Ellas. Estamos especialmente abertos á lusofonía.

Queremos un ensino nacional galego.

Asumimos o compromiso de defender:

- a loita das mulleres, o fluír do suxeito feminino/feminista que atravesa as fronteiras vencéndoas, deconstruíndoas e, asemade, afirmando a súa multiplicidade (políticas de emprazamento);

- a concepción do planeta coma un todo;

- a razón da saúde e da ecoloxía contra a tolemia do capitalismo depredador;

- a viabilidade dos nosos sectores productivos;

- a dignificación das condicións de traballo, con especial atención á mocidade;

- a integración respectuosa dos inmigrantes e dos emigrantes retornados;

- a liberdade non autoritaria de opcións sexuais.


O fascismo non medra só nas toldadas augas do totalitarismo, senón tamén nos plácidos areais da democracia formal e o liberalismo.

Escolleremos sempre a posibilidade de vivir tódalas descubertas: o pracer da innovación, o desexo non coutado, a vida como subversión. A Revolución é unha tarefa práctica. Non é unha elección: é unha necesidade. A nosa determinación é realizala


Xa é hora.

Compostela, abril de 2001

Actualizado: 01/04/2001 14:19

Logo Xunta

Subvencionado pola Presidencia da Xunta de Galicia.
Secretaría Xeral de Política Lingüística





bitácora escarlata
acción de ferreiro - celanova 29 agosto 2009
por Elisa
31/08/2010 20:33
Historias 12. David e os múltiplos resistencia vida e pensamento.
por Elisa
2010-08-20 02:52:46
Hiatorias 11. CLARO MELLOR DESCONTROLADAS QUE INSTITUCIONALIZADAS
por Elisa
2010-08-13 04:25:34